Cultura inviste 150.000 euros no desenvolvemento de oito novos videoxogos galegos
martes, 1 de abril do 2025
A Consellería de Cultura, Lingua e Xuventude anunciou esta mañá a resolución da concesión de 150.000 euros en axudas a oito produtoras galegas de videoxogos a través da súa nova convocatoria de subvencións para o desenvolvemento do sector. O departamento que dirixe José Campos informou que a contía investirase noutros tantos proxectos de selo galego “co obxectivo de facilitar a chegada ao mercado de contidos feitos en Galicia e no noso idioma, ademais de favorecer a profesionalización e a creación de emprego por parte das empresas que traballan neste ámbito”.
Dos títulos subvencionados pola Consellería, catro acadaron a axuda máxima de 25.000 euros prevista nas bases: Xerme, que Acariño Games presenta como unha experiencia inmersiva que explora os conceptos de orixe e evolución, ao tempo que convida a unha reflexión sobre o mundo natural; Sandwich Cat, producido por Testaferro a partir da curtametraxe homónima de David Fidalgo; o xogo de fantasía e supervivencia en 2D A nosa fantasía, inserido na serie de proxectos transmedia O noso pasar de Melgo Cinema; e Unicorn Wars, de DEP Games, a partir da longa de Alberto Vázquez gañadora do Goya á mellor película de animación en 2022.
Completan esta listaxe Gato (17.500 euros), o novo proxecto do estudio de videoxogos accesíbeis Iseltec; Portalén (15.258 euros), proposta asentada no folclore musical e o patrimonio galegos, presentado por Cristela Torres Nine; MACEN-92 (11.361 euros), no que Aqueladas mestura realidade e ficción nunha proposta baseada na investigación de documentación real desclasificada, e o prototipo de cabina de control en Realidade Virtual para o xogo de exploración submarina subROV (5880 euros).
Promoción do galego
As contías propostas destinaranse a diferentes fases nas que se atopan estes videoxogos cara á súa posta a disposición do público: desde a súa creación e desenvolvemento, ata a produción, edición, distribución e comercialización. Para a súa concesión, en réxime de concorrencia competitiva, puntuáronse unha serie de criterios automáticos e técnicos, de acordo cos que a comisión avaliadora analizou, entre outros aspectos, “o interese e calidade artística e técnica dos proxectos ou a súa contribución á promoción do idioma galego”. Neste aspecto, sete dos oito títulos apoiados, coa excepción de subROV, desenvolverán unha versión específica en idioma galego.
Tamén se tiveron en conta a capacidade na creación de emprego, con especial atención á incorporación das mulleres aos equipos, así como á diversidade do público ao que se dirixen, o carácter innovador e o valor engadido das propostas, o seu potencial para xerar sinerxías con outros sectores, a súa viabilidade técnica e económica ou a incorporación de ferramentas de avaliación dos seus resultados.