DATAlife aposta por reforzar o protagonismo dos mozos para avanzar na dixitalización do agro

xoves, 22 de setembro do 2022 S. P.

Con motivo da celebración do Día da Cooperación Europea (21 de setembro), o proxecto Hub Iberia Agrotech (HIBA), do que forma parte activa DATAlife Hub de Innovación Dixital (DIH) que preside Pablo Álvarez Freire, organizou e celebrou este mércores 21 de setembro a xornada Cooperación transfronteiriza para a dixitalización da agricultura. A integración dos mozos. Proxectos HIBA. O obxectivo da xuntanza, celebrada no Edificio FEUGA do Campus Sur da USC, tivo como obxectivo impulsar o talento da xuventude de Galicia e o norte de Portugal para avanzar na dixitalización do sector agraria de ámbalas beiras da raia.
De feito, o proxecto HIBA pretende proporcionar as ferramentas para impulsar esta transformación da agricultura, mellorar a competitividade das empresas, fomentar a cooperación público-privada e xerar empregos verdes.
“A dixitalización do sector primario é unha oportunidade única para incorporar aos mozos e a todo o seu talento á agricultura, ao sector forestal, á gandería e ao sector pesca-mar”, destacou Javier Doval, experto en Transformación Dixital de DATAlife, encargado tamén de presentar este mércores 21 os avances e os vindeiros pasos na agrodixitalización de Galicia. “As novas xeracións xa teñen incorporada de orixe a dixitalización; o potencial que temos aí é tremendo e debemos apostar nesta dirección”, indicou o experto de DATAlife, quen avanzou que “o campo, a gandería e o mar teñen o problema da substitución xeracional e, en consecuencia, a nosa misión radica en animar aos mozos de Galicia a que se incorporen para liderar estes procesos de dixitalización. A presenza dos mozos no sector primario é fundamental”, dixo.
O director xeral do Centro Tecnolóxico de Telecomunicacións de Galicia Gradiant, Luis Pérez Freire, participou na xornada organizada por DATAlife e falou das tendencias tecnolóxicas agrotech. Tamén destacou o “déficit de talento” no campo galego. E lanzou a mensaxe de que “faltan profesionais cualificados, faltan titulados, expertos, tecnólogos” no agro de Galicia e lembrou que o sector primario presenta “unha oportunidade para as novas xeracións”. Pérez Freire apostou por ofrecer aos mozos recentemente titulados oportunidades a través da transformación dixital do campo galego para que “non teñan que saír de Galicia para buscar o seu futuro profesional”.
Día Europeo da Cooperación
Desde DATAlife apuntan que o 21 de setembro é unha data “para lembrar aos cidadáns que a través da cooperación pódense conseguir grandes resultados”. E destaca que grazas aos proxectos de cooperación, que chegan a todas as rexións da Unión Europea e cobren múltiples ámbitos comúns, logrouse aumentar a comprensión cultural e superar disparidades económicas.
Na xornada de Santiago amén participou Juan Manuel Revuelta, director executivo (CEO) da Fundación Finnova, que traballa na integración da xente nova na cooperación europea a través de Interreg Volunter Youth e Proxecto HIBA. Posteriormente explicaron a súa experiencia tres compañías do sector primario. No bloque baixo o título Tecnoloxías dixitais no sector agroalimentario participaron Patricia Gallego, consultora de Elige Plus e encargada de impulsar os plans de dixitalización en 20 compañías galegas do agro, forestal, gandería e pesca-mar. Tamén interviñeron contando a súa experiencia Lucrecia García, directora de Real Conservera Española; Pedro Maia, que representou á adega portuguesa Quinta do Pinto; e Gabriel López, responsábel do departamento de tecnoloxía de Viña Costeira.
A xornada foi organizada por DATAlife e a Fundación Finnova, entidades socias beneficiarias do proxecto HIBA, integrado por 19 beneficiarios de España e Portugal. Esta iniciativa transfronteiriza está co-financiada ao 75% polo Fondo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), no marco do programa Interreg V-A España-Portugal 2014-2020 (POPTEC), cun orzamento total do proxecto de 5,3 millóns de euros.

PUBLICIDADE