DOOM cumpre 25 anos coa vista posta en sucesores reais e espirituais

luns, 10 de decembro do 2018 Marcus Fernández

O 10 de decembro de 1993 foi unha data moi especial para os amantes dos xogos de acción en primeira persoa, xa que é cando veu a luz o clásico DOOM, xogo que hai un par de anos contou cun impresionante remake moi ben recibido, e que ten previsto gozar de secuela (DOOM Eternal), pero mentres se espera a este novo lanzamento dende Bethesda consideraron oportuno celebrar as vodas de prata do clásico abrindo o Slayers Club, un punto de encontro na Rede para conmemorar o 25º aniversario da franquía e que recompensará aos seus participantes cun deseño exclusivo de DOOM Slayer zombi para DOOM Eternal.
Pero non só os responsables actuais da franquía quixeron celebrar o seu 25º aniversario, senón que tamén un dos pais do xogo orixinal, John Romero, saíu á palestra para anunciar SIGIL, un megawad de balde para o DOOM orixinal, que en esencia estará composto por 9 niveis para un xogador e outros 9 niveis deathmatch, que publicaranse a mediados de febreiro, e que Romero asegura que sería o sucesor espiritual do cuarto episodio de DOOM.
Aínda que esteamos ante un contido de balde, os coleccionistas tamén poderán facerse cunha copia física nunha coidada edición que inclúe o megawad en disco óptico, así como tamén nunha unidade USB de 16 GB con forma de diskette de 3½. Esta curiosa edición terá un prezo de 39,99 dólares, existindo tamén unha edición limitada cun prezo de 166 dólares que inclúe unha caixa numerada e asinada polo propio John Romero, unha impresión asinada polo ilustrador Christopher Lovell, un libro, unha moeda, unha camiseta e incluso unha figura de peltre da cabeza de John Romero cravada nunha estaca. Sen dúbida, unha peza de colección para incondicionais tanto de DOOM como da polémica figura de John Romero.

A edición limitada de SIGIL inclúe moito material adicional só apto para grandes seareiros da franquía

Vídeo co que Bethesda celebra os 25 anos de DOOM

PUBLICIDADE