Dase a coñecer a curta gañadora do Esmorgaphone

mércores, 30 de decembro do 2009 Raquel Noya

Un dos fotogramas da curta gañadora.

Un ex alumno da Universidade de Vigo, Jacobo Lorenzo Nespereira, sabedor de que a día de hoxe os móbiles serven para algo máis que para chamar, enviar SMS, xogar, escoitar música ou facer fotos (que non é pouco), vén de gañar o Esmorgaphone, un concurso organizado pola vicerreitoría do campus de Ourense que consistía en gravar unha curtametraxe sobre A Esmorga cun teléfono móbil. Jacobo presentou ao certame unha curta de preto de dous minutos de duración titulada Páxinas de Esmorga na que recolle os espazos que Eduardo Blanco Amor empregou para escribir a súa obra. Ao certame presentáronse un total de 4 pezas, as cales optaban a facerse cun teléfono móbil de última xeración e co recoñecemento da organización polo traballo realizado en prol da promoción deste gran clásico da literatura galega.
A Esmorgaphone é un dos eventos organizados con motivo da conmemoración do 50 aniversario da publicación da obra A Esmorga, de Eduardo Blanco Amor. Por este motivo a temática dos traballos debía tratar sobre os escenarios, a xente e os personaxes que o escritor plasmou no seu libro. Porén o gañador explica que non quixo limitarse a gravar os lugares polos que pasan os personaxes da publicación, senón que o seu obxectivo foi o de ”incluír eses espazos no seo dunha historia”. Segundo as súas palabras, “quixen plasmar o universo da Esmorga a través dos ollos dunha rapaza que entra nunha libraría e que descobre o libro. A súa lectura vaina levar por todos eses espazos que Blanco Amor plasmou na súa obra ata voltar de novo á libraría onde remata a curta coa devolución do libro”. Ao certame presentáronse outros tres traballos máis: Blanco Amor 2, Esmorga e A Esmorga 50 anos despois. O xurado do concurso estivo formado por Antonio Pedraza en representación do Festival Internacional de Cinema de Ourense, Manuel Precedo en representación do Cine Clube Padre Feijóo e Filemón Rivas en representación da Universidade de Vigo. Actuou como secretario, con voz pero sen voto, Cándido Rodríguez.
Agora, a organización do certame está a barallar a posibilidade de exhibir a totalidade dos traballos presentados, ou unha selección dos mesmos, mencionando a súa autoría, no certame II Ourense en curta, que terá lugar proximamente.

PUBLICIDADE