Dead Island, un novo xogo de zombis que sorprende co seu trailer oficial

xoves, 17 de febreiro do 2011 Marcus Fernández

Deep Silver anunciou que vai publicar o xogo Dead Island, un xogo de zombis desenvolvido por Techland (responsables de Call of Juarez) que combina acción en primeira persoa con combates masivos corpo a corpo, desenvolvemento de personaxes e personalización dunha grande variedade de armas. Estas características xogables están presentes nunha historia escura inspirada nas clásicas películas de zombis e conta tanto cunha solvente campaña como cun modo cooperativo para 4 xogadores.
En Dead Island a historia transcorre en Banoi, unha illa tropical na que hai un misterioso brote zombi, de xeito que as deliciosas vacacións no Royal Palms Resort dos protagonistas desta aventura convértense nun pesadelo no que o principal obxectivo é a supervivencia.
Polo momento coñécese pouco sobre este título (agás que fora anunciado hai 3 anos e que incluso chegou a pensarse que fora cancelado), e aínda que xogos coma Dead Rising 2, Resident Evil 5 ou Left 4 Dead 2 deixasen o listón bastante alto, o trailer oficial de Dead Island valeulle o respecto da prensa especializada de todo o mundo, impresionada pola coidada peza audiovisual:


Este xogo desenvolvido co Chrome Engine 5 chegará este mesmo ano a PlayStation 3, Xbox 360 e PC.

A paradisíaca illa de Banoi verase ensombrecida por un brote zombi
Unhas marabillosas vacacións converteranse nunha espeluznante masacre
O xogo contará con diversidade de armas

PUBLICIDADE