Demo de Guitar Hero: Metallica para Xbox 360

venres, 20 de marzo do 2009 Marcus Fernández

Carolina de M-Clan é un dos poucos temas españois nun Guitar Hero

Os afeccionados aos xogos musicais levan un par de días movidos, pois se ben onte estreábase en descarga para o Guitar Hero World Tour a canción Carolina de M-Clan, sumándose á exclusiva familia de grupos españois en contar con temas para o xogo (xunto con Héroes del Silencio, Radio Futura, Extremoduro, Pereza e Fito y Fitipaldis), hoxe chegaba ao Bazar de Xbox LIVE, en exclusiva para usuarios de pago, a demo do agardado Guitar Hero Metallica, que tras a descarga de 1 Gb permite botar unha ollada ao que será este xogo.
A versión de demostración do xogo inclúe as cancións No Excuses de Alice In Chains, Stone Cold Crazy de Queen, Seek and Destroy e Sad But True de Metallica, que podemos tocar en solitario ou en compañía, con calquera dos instrumentos habituais deste tipo de xogos, aínda que é especialmente rechamante o feito de que é o primeiro xogo que incorpora a compatibilidade cos micrófonos que incluía Lips, xa que a actualización que faría tal para Rock Band 2 aínda non está dispoñible.
Polo momento parece que os usuarios de Xbox 360 son os únicos que poden probar este xogo, aínda que supomos que en poucas semanas tamén sairá a correspondente demo na PlayStation Network.

PUBLICIDADE