Dende YouTube pensan que o auto xudicial no caso contra Telecinco lles dá a razón

luns, 28 de xullo do 2008 Marcus Fernández

En YouTube hai milleiros de clips pertencentes a Telecinco que acumulan millóns de visualizacións

A polémica entre YouTube e Telecinco non deixa de dar que falar, e resulta contraditorio ver cómo reaccionan as dúas empresas ante a sentenza do Xulgado do Mercantil nº 7 de Madrid que aceptou a petición de medidas cautelares para que os contidos de Telecinco non aparezan en YouTube, o que dende o portal de vídeo de Google estiman que lles dá a razón, pois no auto se especifica que Telecinco debe identificar os vídeos que quere que sexan retirados que é «precisamente o que YouTube ofrece a todos os propietarios de dereitos de autor sen ningunha intervención lega e o que xa realizamos para Telecinco no pasado».
Por outra banda, Telecinco esixirá unha indemnización a YouTube polos danos que lles está a causar a plataforma de vídeos en liña, de xeito que a televisión levará a causa xudicial contra YouTube en 2 procedementos separados: por unha parte piden medidas cautelares e, pola outra, esixirán indemnización no caso de ser favorable a anterior sentenza.
As reticencias de Telecinco á publicación dos seus contidos en YouTube virían provocadas polas intencións da compañía a explotar directamente os mesmos.