Dende hoxe pode descargarse de balde Las increíbles aventuras de Captain Spirit

martes, 26 de xuño do 2018 Marcus Fernández

O estudio DONTNOD Entertainment, responsables de Remember Me, Life Is Strange e Vampyr, están a ultimar o esperado Life Is Strange 2, xogo que estreará o seu primeiro episodio a finais de setembro e, para ir abrindo boca, publican hoxe completamente de balde un xogo ambientado no mesmo universo, co que queren gañarse a novos públicos. Falamos de Las increíbles aventuras de Captain Spirit, xogo que podemos descargar para Xbox One, PlayStation 4 e PC (Steam), que algúns poden considerar como unha versión de demostración de Life Is Strange 2, pero realmente non precisa de compras adicionais para gozar da experiencia completa, aínda que probablemente sexa o cebo perfecto para quen non probase a extraordinaria primeira entrega (gañadora dun premio BAFTA).
Captain Spirit preséntanos a Chris, un neno de dez anos que soña con ser superheroe e vive moitas aventuras cos seus xoguetes e a súa imaxinación, até que un sábado en concreto acontécelle algo realmente extraordinario.
No xogo poderemos experimentar a narrativa propia do universo de Life Is Strange, controlaremos a Chris e ao seu alter ego (o superheroe Captain Spirit), completaremos misións para desbloquear contidos segredos e incluso poderemos tomar decisións que terán consecuencias se continuamos a partida en Life Is Strange 2.

PUBLICIDADE