Denuncian que a Nintendo Switch viola unha patente do Wikipad

venres, 11 de agosto do 2017 Marcus Fernández

En 2012 puidemos ver un orixinal concepto que consistía en converter unha tableta nunha consola de videoxogos portátil engadíndolle controis físicos a ambos lados, pero o Wikipad non conseguiu establecerse no mercado e pode considerarse como un auténtico fracaso pese ás súas posibilidades, e agora volvemos saber deste produto por mor unha demanda que Gamevice, fabricante de accesorios que considera que a Nintendo Switch viola unha patente de conceptos empregados no Wikipad, como os seus mandos extraíbles.
Gamevice pide unha compensación económica a Nintendo por danos, así como a prohibición de vender a Switch, o que parece un movemento desesperado para tirar algún tipo de proveito dun proxecto fracasado do que Nintendo distanciouse moito pois, aínda que o hardware da Switch non deixe de ser unha versión modificada dunha tableta con Android (fabricada por nVIDIA), a chave do seu éxito é a súa proposta na que combina os conceptos de consola de sobremesa e portátil. Ou sexa, que parece bastante difícil soster que os Joy-Con da Switch (mandos que poden empregarse de tres xeitos distintos: por separado, conectados á consola ou conectados entre si construíndo un gamepad) copian a unha base que engadía mandos laterais a unha tableta, aínda que no complexo mundo das patentes todo é posible, e non sería sorprendente ver como a demanda remata cun acordo extraxudicial para que a compañía nipoa poida evitar unha sentenza desfavorable cando a Nintendo Switch sexa un produto cunha base de máquinas moi elevada.

PUBLICIDADE