Desdelugo.es acada o millón de visitas

martes, 20 de febreiro do 2018 Redacción

A páxina www.desdelugo.es, adicada a informar en formato blog (e cunhas boas doses de espírito crítico) dos acontecementos presentes e pasados máis relevantes da historia da cidade, vén de chegar á cifra do millón de visitas. Así nolo conta o responsábel do caderno en liña, Luis Latorre Real, que recoñece que coa devandita cifra superáronse finalmente todas as expectativas de seguimento postas na web, sobre todo se temos en conta que se trata dunha bitácora que, nas súas palabras, “fala de temas propios dunha pequena capital de provincias”.
O blog, que foi posto en marcha como un “lugar onde falar de Lugo”, comezou en orixe tendo pouco seguimento, mil visitas ao mes ou dúas mil como moito. O gran despegue, segundo conta Luis Latorre, foi hai catro ou cinco anos, en boa medida grazas á difusión en Internet levada a cabo polos amigos e seareiros. A día de hoxe hai entradas de 250 lectores e outras de varios miles, segundo o tema. A máis visitada foi do 7 de agosto de 2017, e recollíase a apertura “da primeira praia canina de verdade” da provincia de Lugo. A segunda ía sobre as estrelas Michelín e “a súa inexistencia en Lugo”.

PUBLICIDADE