Desenvolven un xogo apto tanto para invidentes como para persoas sen problemas de visión

martes, 7 de agosto do 2007 Marcus Fernández

O xogo desenvólvese nun contorno tridimensional tanto nos gráficos coma no son

Vector Animado desenvolveu para a ONCE o xogo Onae, la aventura de Zoe, que pretende animar ós invidentes a competir case en igualdade de condicións con outras persoas sen problemas de visión, elemento no que destaca especialmente este videoxogo.


Vídeo de presentación do xogo

No xogo tomamos o papel dunha estudante de xeoloxía (Zoe) que traballa recollendo mostras e, por culpa dun terremoto, vai parar a un mundo poboado por unha civilización descoñecida, tendo que pasar distintas probas para poder abandonar o lugar, no que se atopa case a escuras. Os usuarios con problemas de visión poden orientarse mediante pitidos que indican a posición e proximidade de obxectos, mentres que os demais usuarios verán como a pouca iluminación supón un importante atranco para eles.
Para acadar esta ambientación Onae válese dun motor gráfico sobre DirectX e conta con son 5.1 e estéreo (recoméndase contar cun equipo de son envolvente se xogamos cun invidente), dobrándose a 5 idiomas (español, galego, catalán, vasco e inglés) contando coas voces de Paula Vázquez, Emma Ozores e Ramón Langa como protagonistas da versión en español.
O xogo está en fase experimental e agardan a súa comercialización para o outono.

PUBLICIDADE