DiRT Rally 2.0 será compatible con Oculus Rift no verán

venres, 8 de febreiro do 2019 Marcus Fernández

Para o vindeiro día 26 está previsto o lanzamento do xogo de condución DiRT Rally 2.0 en versións para PS4, Xbox One e PC, que vén a ser a 15ª entrega da serie Colin McRae Rally e a 7ª en incluír Dirt no seu nome, confirmando a confianza do público nesta franquía que dende Codemasters adiantan que o vindeiro verán vai dar un paso moi interesante, xa que o xogo recibirá soporte para Oculus.
Ao parecer, había un grande número de xogadores que estaba a reclamar unha versión do xogo que fose compatible co casco de realidade virtual Oculus Rift, e dende Codemasters decidiron atender esta demanda que permitirá que poida vivirse o xogo dun xeito extremadamente inmersivo. Entendemos que a realidade virtual só estará dispoñible para PC, xa que polo momento non se anunciou que o xogo vaia contar con versión para PlayStation VR (aínda que se a versión para Oculus é ben recibida non debería sorprendernos que os usuarios de PS4 puidesen gozar nas súas consolas dunha experiencia análoga).

Un dos últimos vídeos promocionais de DiRT Rally 2.0

PUBLICIDADE