Digalego permite a consulta libre de 65.000 termos na nosa lingua
luns, 11 de xaneiro do 2016
Este
luns presentouse na Cidade da Cultura unha iniciativa de gran
relevancia para o avance da nosa lingua nas TIC, tanto na nosa terra
como alén dela (calquera lugar, calquera hora do día). Trátase da
posta a disposición de toda a cidadanía de Digalego.xunta.gal,
dicionario en liña con máis de 65.000 entradas e que, en palabras
dos responsábeis da iniciativa, “é unha das obras máis completas
e actualizadas do noso mercado lexicográfico”. Segundo se fixo
saber, o acceso será de balde. A medida foi posíbel grazas ao
acordo acadado entre a Consellería de Cultura e Educación, AMTEGA e
a editorial Ir Indo, que cede os dereitos do manual á Administración
autonómica. Con esta achega, engadiuse, “búscase promover o uso
da nosa lingua entre todos os sectores profesionais, así como a
aprendizaxe doutros idiomas a través do idioma propio”.
No
acto da Cidade da Cultura estivo presente Bieito Ledo, editor de Ir
Indo, quen fixo un percorrido polo coñecemento escrito dende as súas
orixes até a actualidade: dende os tempos inmemoriais en que toda a
información debía ser escrita a man (sobre papiros, pergameos) até
a chegada da imprenta, dende a chegada desta até uns tempos, os
actuais, en que carretamos connosco, no noso móbil, a posibilidade
de ver practicamente todo canto foi escrito. Ledo falou tamén do
dicionario orixinal de Ir Indo que serve de alicerce a Digalego,
un traballo no que desenvolveron o seu labor máis de dúas ducias de
redactores e que precisou de preto dun ano para a súa elaboración,
dando como resultado unha monumental obra en papel (máis de dous
milleiros de páxinas) e, tamén, unha base de datos dixital da que
se botou man para lanzar o dicionario en Internet. Segundo fixo
saber, este dicionario en liña amosouse dende o comezo coma un
proxecto vivo, actualizándose, mellorándose e enriquecéndose con
funcionalidades como a de amosar termos equivalentes de cada palabra
atopada, equivalencias noutras linguas, sinónimos, antónimos, etc.
“Para abranguer todo o xerado en Internet neste tempo de Digalego
farían falta cinco volumes coma este”, sinalou o editor de Ir Indo
amosando a edición en papel do dicionario.
No
acto da Cidade da Cultura tamén participou o conselleiro de Cultura
e Educación, Román Rodríguez, quen lembrou que “estamos en pleno
cambio dos paradigmas tecnolóxicos e educativos”, evolucionando de
xeito progresivo, “algo que afecta á información pero tamén a
como se transmite”. E engadiu: “Avanzamos na democratización do
acceso ao coñecemento”. Ao seu xuízo, a dispoñibilidade de balde
e universal de Digalego é un modesto paso neste proceso
democratizador, “un paso modesto pero non menor, que nos permitirá
ter acceso dende calquera lugar e a calquera hora, dende o computador
ou o trebello móbil, a máis de 65.000 palabras nosas, con todo o
que isto significa de avance e de espallamento para a nosa lingua nas
novas tecnoloxías”. Segundo fixo saber, a iniciativa responde a un
“compromiso claro” por acadar que o galego sexa “útil en todos
os eidos sociais”, e que sexa “internacional”. Ao fío disto
salientou as posibilidades que abre feito de que cada termo incluído
na base de datos do dicionario en liña veña coa súa equivalencia
concreta en múltiples idiomas. Ao seu xuízo, “a sociedade dixital
é unha realidade que cómpre asumir, e forma parte da estratexia da
Administración autonómica favorecer a inclusión nela das galegas e
dos galegos”. No caso do ámbito educativo, dixo, non pode pasar
por algo o valor de divulgación tecnolóxica e dixital da ferramenta
“que agora temos en libre dispoñibilidade”.
O dicionario
Con
máis de 65.000 entradas, o Digalego segue as regras ortográficas e
morfolóxicas acordadas pola Real Academia Galega e o Instituto da
Lingua Galega en xullo de 2003, e toma como base léxica o
Vocabulario Ortográfico da Lingua Galega (VOLGa). Respecto
das súas utilidades cómpre salientar que desenvolve todos os verbos
coa súa conxugación, ademais de considerar como entradas todas as
formas verbais, e que recolle tamén (baixo o epígrafe Repertorio
de formas incorrectas) unha serie de voces non admitidas en
galego (castelanismos, estranxeirismos, vulgarismos, hiperenxebrismos
etc.), que remiten á súa forma correcta. Tamén se destacou na
presentación o feito de que se poden buscar palabras partindo de
entradas en portugués, castelán, inglés, alemán, francés e
italiano e que amosa equivalencias neses mesmo idiomas ademais de en
chinés.