Disney+ incluirá Star no seu catálogo o 23 de febreiro
luns, 4 de xaneiro do 2021
En
decembro anunciouse que Disney+ tiña previsto incrementar o seu catálogo (e
tamén o seu prezo) nunha xogada consistente en incorporar na plataforma un
grande volume de contidos que deixaran fóra inicialmente en boa medida por
estar dirixido a un público máis adulto.
Dende Disney+ España xa están a dar conta desta nova canle de contidos, Star, presentando
parte dos seus contidos e anunciando que chegará aos
usuarios o 23 de febreiro. Entre os contidos que chegará a través de Star
estarían as series orixinais Big Sky e Love Victor, así como
interesantes series de fondo de catálogo como Padre de Familia, Perdidos
(Lost), Mujeres Desesperadas, 24, Cómo Conocía a Vuestra
Madre, Prison Break, Hijos de la Anarquía, Anatomía de
Grey, Scandal e Expediente X, así como as franquías
cinematográficas de La Jungla de Cristal e Alien.
Este novo contido suporá un incremento do prezo mensual de Disney+, que pasará
de 6,99 euros a 8,99 euros (89,99 euros de pagarse anualmente), e faise xusto
cando a plataforma cumpre un ano do seu lanzamento español, o que podería dar a
entender que a suba de prezos é demasiado brusca, xa que moitos subscritores
déronse de alta por 59,99 euros/ano, ou sexa, que terían que asumir un
incremento da cota anual dun 50%, sen a opción de manter Disney+ sen a canle
Star para gozar dun prezo máis económico.