Disney+ incorpora contidos de Atresmedia

luns, 8 de setembro do 2025 Marcus Fernández

Disney+ e Atresmedia veñen de pechar unha alianza que supón a ampliación das audiencias e dos catálogos de ambas compañías, así como un reforzo da relación que levan mantendo desde hai anos.
A partir de setembro, os subscritores de Disney+ en España teñen acceso a unha selección de contidos de Atresmedia baixo a marca atresplayer, que contará cun espazo propio dentro da plataforma. Estímase que cada ano se incorporarán máis de 300 horas de producións españolas, cun catálogo que se actualizará regularmente.
O acordo outorga a Disney+ dereitos coexclusivos sobre unha ampla variedade de producións de Atresmedia, reforzando o seu compromiso cos contidos feitos en España e ampliando a súa oferta de entretemento. Para Atresmedia, supón un novo fito dentro da súa estratexia de distribución internacional e confirma o atractivo global das súas producións.
Entre as novidades que chegarán en setembro á plataforma figuran orixinais de atresplayer como Mar afuera (que se estreará o día 14), formatos de éxito como La Voz e Tu cara me suena, así como series de Antena 3 como La Encrucijada e Sueños de libertad. Tamén están dispoñibles clásicos como Vis a Vis, Física o Química e Aquí no hay quien viva.