Disney+ verá a luz en novembro nos EE.UU.

venres, 12 de abril do 2019 Marcus Fernández

The Walt Disney Company avanzou aos seus investidores a súa estratexia de cara aos servizos dirixidos aos consumidores que operarán este mesmo ano, entre os que están Hulu, Hostar, ESPN+ e unha nova plataforma de vídeo baixo demanda, Disney+, que lanzarán nos EE.UU. o vindeiro 12 de novembro a un prezo de 6,99 dólares/mes, e que irá espallándose xeograficamente durante os vindeiros 2 anos en función dos prazos de recuperación de dereitos de explotación das películas e series de televisión da compañía que actualmente explotan plataformas como Netflix.
Disney+ suporá un grande cambio para a compañía, xa que pasarán a explotar en primeira persoa os seus contidos, en vez de recorrer a plataformas alleas, conseguindo así un maior control e, probablemente, un maior rendemento económico, e prometer ser o azoute das plataformas actuais xa que, aínda que o seu catálogo de lanzamento será máis modesto (o primeiro ano terá máis de 25 series orixinais e 10 filmes orixinais) as franquías da Disney teñen un peso moi importante especialmente entre o público mozo, facendo que a contratación de Disney+ pase a ser practicamente obrigado en moitos fogares.
Durante confirmaron que Disney+ contará con importantes series de Marvel Studios, que comezarán coas series de acción real The Falcon and The Winter Soldier e WandaVision na que os actores de The Avengers retoman os seus roles nestas aventuras por separado, e a serie de animación Marvel’s What If...?.
Outros contidos interesantes serían a serie documental Into The Unknown: Making Frozen 2, a serie de curtas Forky Asks a Question (baseada en Toy Story) e a curtametraxe Lamp Life; o filme animado The Phineas and Ferb Movie; as series documentais de National Geographic The World According to Jeff Goldblum e Magic of the Animal Kingdom; e moitas outras producións das que xa deran conta anteriormente como as series de Star Wars de The Mandalorian e The Clone Wars, High School Musical: The Musical: The Series, Loki (con Tom Hiddleston), Monsters at Work, Diary of a Female President, Lady and the Tramp, Noelle, Togo, Timmy Failure, Stargirl, Be Our Chef, Cinema Relics: Iconic Art of the Movies, Earthkeepers, Encore!, Marvel’s 616, Marvel’s Hero Project, (Re)Connect, Rogue Trip e Shop Class.
Igualmente tamén foi relevante o anuncio de que Disney+ contará coas 30 tempadas de Los Simpson dende o primeiro día, e que permitirá acceder a títulos familiares da Fox como Sonrisas y Lágrimas, La Princesa Prometida e Malcolm. Deste xeito, Disney+ contará cun catálogo de máis de 7.500 episodios de series de televisión e máis de 500 películas.
Como era de esperar, Disney+ contará con aplicacións para dispositivos móbiles, consolas de videoxogos e televisores conectados, ofrecerá contidos até en 4K con HDR; e no caso da reprodución en dispositivos móbiles tamén permitirá o seu consumo fóra de liña.

Así será a interface da aplicación de Disney+

PUBLICIDADE