Dodro, Rianxo, Rois e Padrón forman a 100 demandantes de emprego en novas tecnoloxías e ofimática

venres, 16 de setembro do 2022 S. P.

O Programa Integrado de Emprego de Dodro, Rianxo, Rois e Padrón, financiado pola Consellería de Promoción do Emprego e Igualdade da Xunta de Galicia e o Servizo Público de Emprego Estatal (SEPE), prosegue as súas actividades formativas e de capacitación neste remate do verán: actividades centradas na ofimática, nas novas tecnoloxías, no fomento de habilidades sociais, nos recursos que garantan o éxito nas entrevistas laborais e en metodoloxías de curtido e tintura.
Dende o Concello de Dodro lembran que se trata dunha iniciativa dirixida a 100 persoas desempregadas do ámbito territorial comprendido polos devanditos catro municipios, inscritas como demandantes de emprego no Servizo Público de Emprego de Galicia, e que ten como finalidade a mellora da empregabilidade dos/as beneficiarios/as a través da realización dun conxunto de actividades teórico-prácticas que faciliten a súa inserción no mercado laboral.
Ademais das entrevistas individuais de orientación e asesoramento laboral que se están facendo acotío, noutra fase realizáronse ou están en marcha neste mes de setembro as seguintes accións formativas:
-Obradoiro de habilidades sociais e entrevistas laborais. Do 6 ao 9 de setembro na Casa de Cultura de Dodro.
-Curso de Ofimática: do 1 ao 16 de setembro na Aula CeMIT de Padrón.
-Curso de tecnoloxías de curtido e pintura. Do 12 ao 16 de setembro no Centro Social de Padrón.
-Curso de teleformación de manipulación en cru e conservación de alimentos. Remata o 19 de setembro.

PUBLICIDADE