Donkey Kong Jr. chegará este mes aos subscritores de Nintendo Switch Online

mércores, 8 de maio do 2019 Marcus Fernández

Para compensar que o servizo de Nintendo Switch Online é de pagamento Nintendo inclúe recompensas como un catálogo de xogos de NES que poden xogarse sen custo adicional na Switch, partindo dun catálogo de 20 xogos aos que van incorporándose 2-3 títulos cada mes, sendo títulos máis que notables, de xeito que en novembro puidemos ver como engadían Metroid, en febreiro Super Mario Bros. 2 e en marzo Kid Icarus, e semella que maio tampouco vai ser un mes pobre en xogos, xa que dende Nintendo America adiantaron que os xogos que chegarán este mes serán Clu Clu Land, VS. Excitebike e Donkey Kong Jr.
Aínda que moitos usuarios da consolas doméstica orixinal de Nintendo lembrarán posiblemente todos os xogos deste catálogo dispoñible en Nintendo Switch, o caso de Donkey Kong Jr. é bastante especial, xa que trátase dunha secuela do Donkey Kong orixinal, na que Junior Kong terá que superar numerosos atrancos para rescatar ao seu pai, secuestrado e atrapado nunha gaiola por Mario, o que supón un divertido cambio de tornas que visto dende hoxe resulta moi rechamante (xa que hai moitos anos que todos eses personaxes están no mesmo bando).
Para os amantes destes xogos compensa claramente a subscrición a Nintendo Switch Online, que custa 19,99 euros/ano, ou sexa, que só con 4 xogos de NES xa cubrirían a cota anual (e o catálogo de títulos vai camiño de superar os 40).

Vídeo no que anuncian os xogos de NES que chegarán en maio aos subscritores de Nintendo Switch Online

PUBLICIDADE