Dos Espacios exhibe en FITUR tres innovadoras solucións para impulsar o turismo intelixente

venres, 23 de xaneiro do 2026 S. P.

Dos Espacios, firma tecnolóxica de Vilagarcía, centrou a súa presenza na feira FITUR nun “novo concepto de turismo”, no que o visitante é o gran protagonista e a tecnoloxía aplicada permítelle obter unha experiencia personalizada e autónoma, tanto na oferta de hoteis e aloxamentos turísticos como nas súas visitas ás oficinas de turismo, centros de interpretación en destino ou experiencias turísticas.
A empresa está especializada en turismo intelixente e xa comercializa dúas das tres soluciones tecnolóxicas enfocadas a lograr unha transformación dixital do turismo, que foron desenvoltas pola súa firma (spin-off) Beditas. Trátase de Beditas Hospitality e Beditas Display.
A primeira delas é “unha solución innovadora e global para establecementos hostaleiros e aloxamentos turísticos deseñada para reducir os seus custes e optimizar recursos a través da automatización de procesos”, informou Dos Espacios, engadindo que este servizo ofrece recepción e estadías 100 % autónomas para o hóspede, unha web-app e un sistema de código único de alta seguridade. Grazas a esta tecnoloxía, “o usuario poderá acceder ao seu aloxamento desde o seu teléfono, o seu reloxo intelixente ou a través dunha tarxeta.” Para os propietarios de establecementos ou aloxamentos turísticos brinda a opción de apertura remota das instalacións, a integración con sistemas PMS e engade a posibilidade de vender servizos turísticos adicionais, o que, en palabras da empresa, “reporta un maior control sobre a oferta e novas oportunidades de xerar ingresos complementarios”.
Ademais, aplica servizos de domótica, o que permite un aforro no consumo de enerxía e facilita a xestión automatizada de todos os dispositivos electrónicos cos que conte o aloxamento.
Pola súa banda, Beditas Display propón “un novo concepto á hora de ofrecer información de valor nas oficinas de turismo e nos puntos de información a través da dixitalización”, mobilizando recursos como tótems e pantallas interactivas (integrados) e ofrecendo mapas, eventos locais, horarios e recomendacións “cunha interface atractiva e intuitiva”.
Ademais, inclúe plataformas de información, webs e aplicacións turísticas, e un sistema de enquisas para ofrecer experiencias máis atractivas, eficientes e conectadas, incrementando a operatividade e reducindo a necesidade de persoal en recepción, co que o equipo existente poderá centrarse en tarefas estratéxicas que acheguen maior valor.
“Sen dúbida, estamos ante unha nova maneira de facer turismo. O visitante obtén experiencias dixitais únicas e personalizadas, mentres hoteis e oficinas de turismo optimizan os seus recursos e abaratan custos”, asegurou en FITUR Santiago Paz, director executivo (CEO) da empresa.
Metropolitas
Outra das liñas de negocio de Dos Espacios, que está xa na fase de testeo, é Metropolitas, unha solución de verificación de identidade para o sector turístico baseada en IA. Céntrase nun sistema avanzado de visión artificial para a identificación e verificación biométrica de persoas mediante análise facial, unha tecnoloxía deseñada para modernizar e automatizar procesos clave do sector turístico, especialmente en destinos, aloxamentos, guías e experiencias turísticas.
O desenvolvemento tecnolóxico, en colaboración co ITG (Instituto Tecnolóxico de Galicia), permitirá a Dos Espacios ofrecer aos seus clientes “unha solución innovadora que axiliza e reforza procesos como o check-in en establecementos hostaleiros ou o rexistro en programas ou actividades turísticas”.
Este proxecto contou co apoio económico do programa IA360, impulsado pola Xunta de Galicia a través do Instituto Galego de Promoción Económica (IGAPE) no marco do Plan de Recuperación, Transformación e Resiliencia, financiado pola Unión Europea con fondos NextGenerationEU.
Cun orzamento global de 10,2 millóns de euros, o programa IA360 ten como obxectivo impulsar o uso da IA en pemes e empresas galegas, xa sexa mediante o desenvolvemento de tecnoloxía propia, a integración de solucións comerciais ou accións de capacitación.
En concreto, a firma Dos Espacios foi apoiada na Liña A, destinada ao desenvolvemento de novas tecnoloxías baseadas en IA orientadas a mellorar a actividade económica e industrial e a comercializar novos servizos innovadores.