Dr. Mario World chegará a móbiles o 10 de xullo

martes, 18 de xuño do 2019 Marcus Fernández

Nintendo continúa a súa aventura no mundo móbil, e o vindeiro xogo que lanzará para smartphones será o Dr. Mario World, unha nova entrega da serie de xogos nacida en 1990 que, seguindo a liña de títulos como Columns, conseguiu grande éxito en consolas portátiles, de aí que pareza natural o seu salto ao móbil.
Este novo xogo do Dr. Mario ten previsto o seu lanzamento para o 10 de xullo, estando aberta a súa inscrición na App Store e na tenda de aplicacións de Google Play, de xeito que os interesados neste tres en raia antibacterias recibirán unha notificación cando o xogo estea dispoñible para a súa descarga de balde, pois cómpre salientar que estamos ante un título free-to-play, ou sexa con compras dentro da aplicación.
Dr. Mario World consiste na disposición de elementos en liña (en horizontal ou vertical) de tres en tres para facelos desaparecer, de xeito que podemos así rematar coas bacterias de cores que aparecen en cada fase e para o que teremos un número limitado de cápsulas que xestionar de xeito óptimo. O xogo contará con centos de fases repartidas por varios mundos, podendo ampliarse tamén o xogo con novos médicos (con cadansúas habilidades) e outros contidos que irá recibindo paulatinamente para manter a diversión ao longo do tempo.
Ao estarmos ante un xogo móbil aprovéitase tamén a conexión coa Rede para poder compartir os progresos cos amigos, aos que tamén poderase enviar corazóns para o modo aventura e aos que poderanse retar a combates cara a cara no modo duelo.

Vídeo promocional do Dr. Mario World

PUBLICIDADE