Dragon Ball Xenoverse 2 e DOOM The Dark Ages chegan a Game Pass este mes

martes, 6 de maio do 2025 Marcus Fernández

O mes de maio comeza moi forte para os subscritores do Game Pass de Xbox, que xa recibe grandes títulos esta mesma semana. Dende hoxe mesmo está o xogo de pesca Dredge, aínda que o día importante da semana é claramente o de mañá, coa chegada do célebre xogo de loita Dragon Ball Xenoverse 2, Dungeon of Hinterberg, Flintlock: The Siege of Dawn e o curioso e nostálxico Metal Slug Tactics. Completarán a semana os xogos Revenge of the Savage Planet e Teenage Mutant Ninja Turtles: Mutants Unleashed o vindeiro xoves.
A semana que vén os xogos que estarán dispoñibles serán Warhammer: Vermintide 2 (o día 13), DOOM The Dark Ages (o día 15) e Kulebra and the Souls of Limbo (o día 16), mentres que para a seguinte semana as novidades serán máis modestas, con Firefighting Simulator: The Squad e Police Simulator: Patrol Officers o día 20.
Cómpre lembrar que DOOM The Dark Ages é un xogo multiplataforma que chegará a PC e consolas o vindeiro 15 de maio, pero os subscritores de Game Pass poderán gozar do mesmo dende o primeiro día en ordenador, consola e a nube, polo que para moitos será un bo incentivo para contratar o Game Pass.