Dragon’s Lair chega á tenda de aplicacións de Windows 8

mércores, 29 de xaneiro do 2014 Marcus Fernández

Nos últimos días a empresa canadense Digital Leisure estreou na tenda de aplicacións para Windows 8 o clásico Dragon’s Lair, editado inicialmente en máquinas recreativas baseados en LaserDisc, no que podemos considerar como o principal referente dos debuxos animados interactivos ou dos actuais QTE (Quick Time Events) e que, pese a ter máis de 30 anos ás súas costas, non deixou de recuperarse para distintas plataformas, estando actualmente dispoñible para PSP, Wii, Nintendo DS, Xbox 360 (con Kinect), PlayStation 3, dispositivos móbiles e incluso Blu-ray, demostrando a vixencia dos produtos que fan historia.
Este xogo parte da magnífica animación de Don Bluth, cunha historia protagonizada polo cabaleiro Dirk, que procurará rescatar á princesa dun malvado dragón, para o que será preciso premer no momento atinado a un botón en concreto, guiando así a historia un paso adiante (en caso contrario, o cabaleiro enfrontarase á morte).
Aínda que actualmente o xogo xa está dispoñible para PC en soporte físico e incluso a través de Steam, ao chegar a través da tenda de aplicacións de Windows a un prezo de 8,49 euros facilítase a súa instalación en tablets co sistema operativo de Microsoft. Tras este lanzamento agárdase que en breve aconteza o propio con outro clásico animado de Don Bluth, Space Ace (dispoñible en Steam dende o pasado verán).

PUBLICIDADE