Dragon’s Lair terá unha versión a escala da súa máquina recreativa

martes, 29 de outubro do 2019 Marcus Fernández

Nos últimos anos a triloxía de xogos de Dragon’s Lair non parou de adaptarse a ordenadores e consolas (a última conversión foi para Nintendo Switch), para manter viva esta creación para máquinas recreativas que empregaba animacións elaboradas por Don Bluth reproducidas nun LaserDisc, de xeito que o seu nivel gráfico era moi superior ao que se vira anteriormente en ningún videoxogo.
Estas películas interactivas callaron fondo en moitos xogadores, e por iso non debería sorprendernos que dende New Wave Toys estean a iniciar unha campaña de micromecenado en Kickstarter para facer realidade unha replicade, unha réplica en miniatura da máquina recreativa do Dragon’s Lair orixinal a escala 1:6.
Esta pequena máquina de 30 centímetros de alto que reproduce a recreativa de 1983 é totalmente funcional, ou sexa, que pode xogarse ao Dragon’s Lair nos seus pequenos mandos, xa que corre a ROM do xogo orixinal no emulador de LaserDisc Daphne. Esta maquiniña con pantalla de só 4,2 polgadas terá unha construción de calidade, buscando representar fielmente a recreativa orixinal e, aínda que o seu prezo de venda ao público está previsto que sexa de 120 dólares, durante os primeiros días da campaña poderase conseguir por 90 dólares (o que con gastos de envío sería uns 104 euros). O produto remitirase aos seus mecenas a partires de marzo de 2020.
New Wave Toys xa desenvolveu no pasado réplicas en miniatura dos clásicos Centipede, Tempest e Street Fighter II, e ten previsto abordar proximamente o Asteroids, promovendo así un curioso xeito de coleccionar máquinas recreativas sen ter espazo para as mesmas.

PUBLICIDADE