Dropbox permite sincronizar e compartir cartafoles entre ordenadores de distintas plataformas

venres, 12 de setembro do 2008 Marcus Fernández

Dropbox baixo Mac OS X

Os usuarios que queiran compartir e sincronizar ficheiros entre varios sistemas operativos poden empregar agora Dropbox, un servizo que vén de saír do seu período de probas, e que conta con versións para Windows, Mac OS X e Linux, permitindo seleccionar un cartafol do disco duro para que os seus contidos se notifiquen a todos os equipos que poidan acceder ao mesmo baixo autorización (e que incluso permite o seu acceso vía web dende equipos que non teñan instalada a aplicación cliente de Dropbox) e que na súa versión de balde ten unha capacidade de ata 2 Gb, existindo unha versión de pago que custa 9,99 dólares/mes ou 99,99 dólares/ano para unha capacidade de 50 Gb.
Os contidos que se garden no cartafol do programa sincronizaranse cos servidores de Dropbox (polo que resulta moi interesante o seu uso tamén coma servizo de copias de seguridade), de xeito que os ficheiros tamén se poden sincronizar logo a equipos remotos sen complicacións, e mesmo se pode configurar un cartafol público para compartir ficheiros con usuarios non rexistrados (por exemplo, a través dun blog).
Na actualidade hai preto de 200.000 persoas que se inscribiron para poder acceder a este novo servizo.