Dúas alumnas da UDC representarán a España na final mundial do campionato maker Red Bull Basement

xoves, 25 de novembro do 2021 S. P.

Dúas alumnas da Escola Universitaria de Deseño Industrial do Campus de Ferrol van representar a España na final mundial do campionato Red Bull Basement. Trátase das estudantes Hileia Rumbo Bueno e Noa Domínguez Rama, que acudirán a dita proba (que se celebra entre o 13 e o 15 de decembro en Estambul) co proxecto VEGO, unha aplicación móbil que nace coa idea de axudar ao alumnado universitario a comer dun xeito máis saudábel e sustentábel.
O xurado da final nacional, integrado por xuíces locais e expertos internacionais, seleccionou o proxecto VEGO en base a catro criterios: a súa viabilidade, o seu impacto, a súa creatividade e os votos obtidos por parte do público na páxina web do Red Bull Basement. Logo de pasar este esixente filtro estatal, Hileia e Noa levan desde o 2 de novembro preparando e mellorando a súa proposta para a final mundial da man da aceleradora Lanzadera (emprazada no espazo de coworking Marina de Empresa), xunto coa fundación sen ánimo de lucro EDEM e a inversora Angels en Valencia.
Nesta fase de desenvolvemento, as dúas mozas poden interactuar tamén con expertos internacionais de diferentes ámbitos como o investimento, o financiamento, o hardware/software, a tecnoloxía ou a enxeñaría. O equipo galardoado como Gañador Mundial 2021 na Final Mundial recibirá un paquete personalizado de recursos para facer realidade a súa idea de negocio.
O campionato Red Bull Basement naceu en São Paulo (Brasil) en 2015 co obxecto de apoiar e capacitar aos hackers, makers e programadores que utilizaban as súas habilidades tecnolóxicas para resolver retos sociais e medioambientais nas súas cidades de orixe. Desde entón, a iniciativa foi medrando e nas finais mundiais que tiveron lugar en Berlín en 2018, en Toronto en 2019 e, de xeito virtual, en 2020, as ideas dos equipos participantes abrangueron múltiples temáticas.
A UDC compartiu un vídeo presentación da aplicación VEGO.

PUBLICIDADE