Dúas tendas virtuais comezan a vender descargas de videoxogos

mércores, 11 de outubro do 2006 Marcus Fernández


As descargas de música acadaron un éxito na Internet que levou a empresas coma iTunes a espallar tal modelo de negocio a películas e series de televisión, e agora as tendas on-line de videoxogos queren seguir o exemplo, e así tanto GameStop.com coma EBGames.com decidiron lanzar un servizo que chaman Dowload Now dende o que permiten a descarga de 1.025 xogos de ordenador, que van dende o Civilization IV ata o Lara Croft Tomb Raider: Legend.
A meirande parte dos xogos non son precisamente novidades, pero precisamente por iso se venden a prezos populares, que permitan a alguén que desexe mercar un xogo nun preciso momento que non teña que agardar a que lle chegue o pedido ou teña que desprazarse a unha tenda física para mercalo. Ou sexa, que este novo servizo resultará moi atractivo para os usuarios que queiran facer compras compulsivas de xogos.
Os xogos véndense a prezos que fan dende os 4,95 dólares ata os 39,99 dólares, pero os prezos máis normais andan entre os 9,99 e os 19,99 dólares, de xeito que constitúen unha oferta atractiva para os usuarios que desexen mercar legalmente xogos a través da Internet.

PUBLICIDADE