EA Sports FC 26 para Switch 2 será un xogo de nova xeración

mércores, 23 de xullo do 2025 Marcus Fernández

Durante anos, cando saía unha consola de nova xeración os xogos de fútbol de EA Sports mantiñan as versións de consolas anteriores con actualizacións menores, que principalmente se limitaban a actualizar as fichas dos xogadores e os equipos para axustalos á realidade do momento, pero cando chegou a primeira Nintendo Switch os usuarios atopáronse coa desagradable sorpresa de que, a súa reducida potencia levaba a que fose considerada como unha consola vella, algo que este ano muda, e no último avance de xogabilidade de EA Sports FC 26 detallan que moitas das novas funcións expostas correspóndense unicamente a consolas de nova xeración e PC, detallando que a nova xeración está composta por PlayStation 5, Xbox Series X|S e Nintendo Switch 2.
O EA Sports FC 26 chegará a Nintendo Switch 2 o 19 de setembro a un prezo oficial de 69,99 euros na súa edición ordinaria e de 89,99 euros na súa edición Ultimate, deixando claro que estamos ante un xogo de primeiro nivel, que nos últimos días abriu a súa reserva en todas as plataformas, ofrecendo recompensas aos que realicen a compra de xeito anticipado.
Resultará curioso ver como serán as vendas do xogo, xa que será a primeira vez que ofreza unha versión completa para unha consola que pode empregarse como portátil, polo que Nintendo podería chegar a xogar un rol importante na estratexia futura de EA Sports.

Avance da xogabilidade de EA Sports FC 26