EA esfórzase en protexer Battlefield 6 dos trampulleiros

luns, 11 de agosto do 2025 Redacción

Electronic Arts detectou un problema masivo de trampas nos primeiros días da beta aberta de Battlefield 6, lanzada a pasada fin de semana. A compañía confirmou que o seu sistema anti-trampas Javelin bloqueou 330.000 intentos de empregar software fraudulento ou manipular os controis de seguridade desde o inicio da proba, mentres que os xogadores remitiron 104.000 informes sobre casos potenciais de tramposos nos dous primeiros días.
O responsable do equipo SPEAR Anti-Cheat explicou no foro oficial que o xogo tamén emprega a función Secure Boot de Windows como medida adicional para dificultar a creación e execución de programas para facer trampa, aínda que advertiu que «non é unha bala de prata» contra o problema. Esta capa de seguridade permite detectar sinais que non serían fiables doutro xeito, como a carga de controladores vulnerables.
Salientou que a loita contra as trampas «non é algo que se faga unha vez e quede resolto», senón «un campo de batalla en constante evolución» no que o que funciona nun título pode non ser efectivo noutro. Tamén agradeceu aos usuarios que informan de condutas sospeitosas, xa que iso permite descubrir novas comunidades de tramposos e mellorar as deteccións.
Polo momento, Electronic Arts non facilitou cifras actualizadas de contas expulsadas, aínda que asegurou que continúa a revisar denuncias e aplicar sancións para preservar a integridade das partidas. O emprego de sistemas anti-trampas a nivel de kernel, como o de Battlefield 6, é cada vez máis habitual en títulos competitivos, seguindo o camiño de compañías como Riot Games (Valorant) ou Activision (Call of Duty).