EGANET aposta pola formación en marketing en liña

venres, 26 de setembro do 2008 Raquel Noya

A Asociación de Empresas Galegas Adicadas a Internet e ás Novas Tecnoloxías (EGANET), vén de anunciar que participará nas Xornadas de Difusión de Accións Complementarias que organiza a Consellería de Traballo na capital galega a vindeira semana.
O acto terá lugar o vindeiro luns día 29 no Pazo de Congresos e Exposicións de Galicia e nel, o vicepresidente segundo da entidade, Miguel Casal Lage, presentará unha ferramenta de aprendizaxe en formato CD-Rom sobre marketing en liña, levada a cabo en colaboración con Proxectos de Investigación NRed, e que leva por nome Marketing on line para empresas adicadas a Internet.
O obxectivo deste produto é, en xeral, capacitar aos traballadores e traballadoras de ocupacións técnicas das firmas que desenvolven o seu labor en Internet e no eido das novas tecnoloxías para o desenvolvemento de accións de mercadotecnia na Rede.
A nova ferramenta que dará a coñecer EGANET na capital galega pretende, asemade, mellorar o nivel de coñecementos dos cadros de persoal das empresas TIC e incidir positivamente na actitude cara a mercadotecnia en liña dos profesionais do sector. Esta acción formativa de nivel básico, inserida dentro das Accións Complementarias e de Acompañamento á Formación que promove a Consellería de Traballo, está deseñada para ser impartida a distancia e fundaméntase nunha metodoloxía baseada na autoaprendizaxe e nun modelo centrado en cada alumno.
Aínda que o curso vai dirixido ás persoas que desempeñan ocupacións técnicas nas empresas asociadas a EGANET, a ferramenta formativa pode ser aplicada tamén a todos aqueles profesionais de diferentes sectores de actividade que desexen achegarse á práctica da promoción en liña.
En canto aos contidos que aborda o curso, cómpre sinalar os seguintes: a evolución do marketing tradicional ao marketing a través de Internet, a importancia de Internet como recurso empresarial, o desenvolvemento de estratexias de marketing a través da Rede ou a elaboración dun plan de marketing, entre outros.

PUBLICIDADE