Ebay prohibe a venda de personaxes virtuais de xogos

xoves, 1 de febreiro do 2007 Fernando Sarasketa

Unha das principais características de EBay (e probablemente a súa gran baza) é o seu compoñente de gran casa de poxas friki como refuxio para desesperados en liña. É dicir: calquera persoa que procure hoxe en día un artigo calquera que xa non se fabrica e que xa ten gastados os cotelos de tanto chamar nas portas, pode estar dalgún xeito tranquila: anda por aí un servizo en liña onde aparecer calquera cousa. Polo menos, así estaban as cousas até o día de hoxe xoves 1, no que soubemos da chegada de novas restricións no servizo: non se van poder poñer á venda en EBay cousas intanxibles como personaxes (agás os que atinxan ó mundo virtual de Second Life) e bens de tipo virtual. O motivo da medida ten que ver coa condición xurídica de elementos como armaduras ou outros aparellos de combate de diversos xogos intercambiados nalgunha ocasión en EBay. Estes elementos, di EBay, teñen unha complexidade xurídica especial. Dito doutro xeito: non se sabe ben se se están a permitir poxas legais ou non, así que en espera de sabelo, prohíbese o trasfego. O feito de que os produtos virtuais de Second Life poidan seguir intercambiándose ten que ver coa súa condición de “non xogo”. Segundo o servizo de poxas en liña, esta decisión é semellante á que prohibiu no seu día a venda de tabaco ou alcol no portal, produtos legais que están suxeitos a condicións xurídicas complicadas.

PUBLICIDADE