Educación e o CPEIG convocan o primeiro certame literario infantil sobre protección de datos

martes, 7 de febreiro do 2017 Redacción

Hoxe, 7 de febreiro, celébrase unha data que nos colle de preto, o Día Internacional da Internet Segura (Safer Internet Day), e o noso Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia (CPEIG) non quere deixar pasar a ocasión para lembrarnos a importancia de lograr as condicións máis axeitadas para que as novas xeración lles tiren o mellor proveito posíbel ás novas tecnoloxías da información. E faino lanzando a primeira convocatoria, xunto coa Consellería de Cultura e Educación, do Concurso Literario Infantil sobre Protección de Datos. O certame vai dirixido a rapazas e rapaces de 1º a 4º de ESO, ambos cursos inclusive, estudantes en centros escolares sostidos con fondos públicos de Galicia. O prazo para participar remata ás 15.00 horas do 28 de febreiro.
O obxectivo final do concurso é “contribuír a que a sociedade galega tome conciencia da necesidade de incorporarse á cultura da protección de datos, nomeadamente os menores de idade”. Tanto a Xunta coma o CPEIG consideran que “cómpre promover o coñecemento entre a cidadanía sobre cales son os seus dereitos e responsabilidades en materia de protección de datos”.
Dentro dos requisitos da convocatoria, amais de estar cursando os estudos devanditos, o xénero literario será o artigo xornalístico, exposición divulgativa (entrada de blog ou artigo de divulgación), conto ou relato curto. Como liñas condutoras destes traballos pódense considerar as seguintes, sen ficaren limitadas:
· Que é para ti a protección de datos?
· Como afecta a protección de datos no teu día a día?
· Protexe os teus datos, protexe a túa privacidade.
· Que acontecería se houbese protección de datos no conto da Carapuchiña Vermella?
· Protexer os datos nas redes sociais, é importante?
· Como protexes os teus datos?
Segundo informa o CPEIG, o referente será o Protocolo de Protección de Datos da Consellería de Cultura, Educación e Ordenación Universitaria (educonvives.gal) e as publicacións da Axencia Española de Protección de Datos.
Galardóns
Ao abeiro deste certame, entregaranse dous premios: un para a categoría 1º e 2º de ESO e outro para a categoría 3º e 4ºde ESO: tableta para o autor ou autora e un kit de robótica para a súa aula. Asemade, aquel centro que conte con maior participación recibirá un recoñecemento especial da organización.

PUBLICIDADE