Educación traballará coas firmas tecnolóxicas para avanzar nun uso seguro das TIC nas escolas
xoves, 15 de xaneiro do 2026
O Plan integral de benestar dixital da Xunta actualizará os currículos educativos e traballará da man das empresas tecnolóxicas para a sensibilización no uso seguro das ferramentas dixitais no eido escolar e na mellora da seguridade e a privacidade das mesmas. Así o fixo saber o conselleiro de Educación, Román Rodríguez, no acto de presentación do plan logo da súa aprobación no Consello da Xunta, que congregou en Santiago a preto dun cento de asistentes entre representantes de centros escolares, universidades e da comunidade educativa en xeral.
Rodríguez, que estivo acompañado pola directora xeral de Ordenación e Innnovación Educativa, Judith Fernández, e polo director xeral de Centros e Recursos Humanos, Jesús Álvarez, salientou a importancia deste plan como “a folla de ruta para impulsar o uso responsable da tecnoloxía e a convivencia saudable cos dispositivos dixitais co fin de garantir o benestar emocional na nenez e na adolescencia e o bo clima de convivencia, e co que se dá resposta a unha demanda da comunidade educativa neste eido”, informou, salientando outras novidades como o contrato de vida dixital para fomentar a desconexión do alumnado fóra do horario escola ou, tamén, que os currículos educativos van incorporar modificacións para asegurar o desenvolvemento de habilidades tecnolóxicas dos alumnos e fomentar un uso consciente, seguro e enriquecedor das ferramentas dixitais.
Engadiu que “a través dos contidos dos currículos das distintas etapas buscarase fortalecer a reflexión crítica, a cidadanía dixital e o manexo ético e seguro da internet e das redes sociais e o uso responsable da IA, buscando desenvolver o pensamento crítico e a capacidade de toma de decisións informadas fronte ao uso da tecnoloxía”.
Rodríguez avanzou novas medidas en canto a seguridade e privacidade da man de alianzas co sector industrial dixital. Segundo sinalou, “a complexidade do ecosistema dixital actual fai crucial unha acción coordinada entre todos os axentes que inflúen no benestar dixital da infancia e da adolescencia”. Isto é, establecer unha gobernanza estable e coordinada entre administracións, institucións entidades e axentes sociais e tamén contar coa implicación da industria dixital. Neste senso, o Plan integral de benestar dixital contempla acordos co sector tecnolóxico para mellorar a seguridade, privacidade e transparencia das ferramentas informáticas.
Por outra parte, vinculado ao contrato de vida dixital, desenvolverase o reto Apagamento dixital, a través do cal o alumno participante comprométese a estar 24 horas sen usar Internet e dispositivos electrónicos. Así mesmo, incorporarase un sistema de autoavaliación para o alumnado. Trátase do Modo consciente-ON, unha proposta a través da cal o estudante poderá identificar os compromisos cumpridos no marco do uso responsable de Internet.
Cun orzamento de 7,4 millóns de euros, o Plan integral de benestar dixital abrangue un paquete de medio cento de medidas para desenvolver ao longo de cinco anos deseñadas coas achegas de recoñecidos expertos dos eidos da docencia, da pedagoxía, da psicoloxía, da tecnoloxía e da medicina. En concreto, estiveron implicados Antonio Rial Boubeta, profesor do Departamento de Psicoloxía Social, Básica e Metodoloxía da USC; Susana Rey García, médico pediatra e presidenta da Sociedade de Pediatría de Galicia; María Dolores Fernández Tilve, profesora do Departamento de Pedagoxía e Didáctica da USC; Fernando Suárez, presidente do Colexio Profesional de Enxeñaría en Informática de Galicia; o doutor en Dereito, Julio José Fernández; Susana Lamela, orientadora do Colexio As Veigas de Ponteareas e Marta Barrios, especialista do Equipo de Orientación Específico de Lugo, entre outros, varios dos cales interviñeron hoxe no acto.
Esta folla de ruta ata 2030 estrutúrase en cinco eixos de actuación e seis dimensións de impacto tecnolóxico que son as condutas de risco e ciberseguridade, os hábitos de vida axeitados, a garantía dos dereitos e dos valores democráticos, a convivencia escolar e familiar, a aprendizaxe e desenvolvemento cognitivo e a socialización e o desenvolvemento persoal. Nela planifícanse actuacións específicas dirixidas aos centros educativos, o alumnado, o profesorado e as familias.
