El Correo Gallego renova a súa web

mércores, 10 de outubro do 2007 Marcus Fernández

A publicación electrónica de referencia do Grupo Correo Gallego, ElCorreoGallego.es, renovou a súa aparencia seguindo os pasos de moitos outros medios que renovaron os seus deseños nos últimos meses como son o Faro de Vigo e La Voz de Galicia.
Este cambio gráfico afectou principalmente á disposición do seu menú de navegación (como tamén pasara con La Voz) que abandonou a súa posición lateral e pasou a integrarse nun menú superior de dous niveis, o que resulta un tanto rechamante xa que 7 das 10 categorías principais carecen de subcategorías (ou sexa, que prescinden do segundo nivel no sistema de menús).
No resto da web podemos destacar que se aproveita máis a portada coma soporte publicitario, así como se mellora a visibilidade dalgúns contidos e se fai máis agradable á vista a consulta das novidades desta páxina que leva un par de anos medrando na Rede ata consolidar uns 150.000 usuarios únicos e máis de 2 millóns de páxinas vistas/mes (chegando en momentos puntuais ós 3 millóns de páxinas vistas).