Elgato presenta unha capturadora externa autónoma 4K

mércores, 8 de xaneiro do 2020 Marcus Fernández

Elgato presentou no CES de Las Vegas a súa capturadora de vídeo externa máis potente até o momento, a Elgato 4K60 S+, que poderá mercarse a partires do 15 de xaneiro a un prezo de 399,99 euros, e facilita a captura de vídeo a 4K con HDR nun formato compacto e portátil, que pode funcionar incluso sen ordenador gardando as gravacións directamente nunha tarxeta de memoria SD.
Esta capturadora integra un procesador que codifica o vídeo en HEVC, de xeito que nunha SD de 256 GB poderemos gardar até 7 horas de vídeo, aínda que se conectamos o dispositivo ao ordenador tamén poderemos realizar as gravacións directamente no disco duro do equipo sen sobrecargar o seu procesador.
Cando conectamos a capturadora 4K60 S+ por USB 3.0 podemos emitir directamente a través de Twitch ou YouTube, sendo este hardware tamén compatible con aplicacións de streaming para PC como OBS Studio. Conectando a capturadora ao PC tamén é posible engadir comentarios en directo ás retransmisións.
Un produto ideal para gravar as partidas aos nosos videoxogos favoritos sen provocar retardos, e podendo conservar o nivel de detalle dos títulos máis recentes (rexistrando incluso o HDR10 se está presente).

PUBLICIDADE