Empresas de Lugo amósanlle á Xunta os actuais problemas de financiamento das iniciativas TIC

venres, 6 de maio do 2011 Fernando Sarasketa

As empresas da Fundación CEL de Lugo, unha boa parte das cales teñen relación directa co eido das novas tecnoloxías do coñecemento, mantiveron esta semana un encontro do director xeral de Promoción Emprego, Andrés Hermida, ao que lle fixeron saber as súas demandas e reivindicacións en materia de financiamento. A xuntanza co representante da Consellería de Traballo, que se complementou cunha visita aos viveiros da Fundación CEL-Iniciativas por Lugo, contou coa presenza do presidente da entidade, Luís García Santalla, e máis de diferentes membros da directiva e do persoal técnico, amais dos representantes das empresas ás que dá acubillo a entidade. Un dos principais temas a tratar foi, como dixemos, a posta en marcha de apoios para o noso emprendemento, fundamentais para deixar atrás a crise.
Asemade, avaliáronse as vantaxes e inconvintes das axudas xa existentes. Con todo, foron os problemas de financiamento os que coparon unha boa parte da toma de contacto entre o director xeral e as firmas de CEL, problemas que se ben son comúns a tódalas iniciativas, “agrávanse e moito no caso das iniciativas ligadas ás novas tecnoloxías, dada a complexidade de valoración por parte das entidades bancarias deste tipo de proxectos empresariais, con activos de tipo intanxible, o que enlea o seu acceso aos créditos”, sinalaron.
Para a Fundación, así llo fixo saber ao director xeral, “tódalas liñas de axuda de índole financeira para a posta en marcha de negocios existentes até o de agora perden a súa efectividade se non contan co apoio e compromiso por parte das caixas e bancos de facilitar o crédito ao emprendedor”. Estes atrancos, sinalou, repítense tamén nas axudas como as de contratación, que abranguen uns compromisos de emprego que as empresas, sobre todo de nova creación, non poden asumir por mor da crise.
Para pór solución a todo isto, o presidente da Fundación defendeu o desenvolvemento na Xunta dun programa específico de avais a emprendedores, de xeito que se faga máis doado o seu acceso a empréstamos coa única garantía do propio proxecto visado por entes acreditados. Esta medida, engadiu, resultaría máis efectiva, probablemente, que as axudas máis comúns a fondo perdido, con fórmulas de solicitude ríxidas de máis.

Participantes

A maiores dos membros da directiva da Fundación CEL, participaron na xuntanza até dezaseis emprendedores, en representación de outras tantas firmas locais, moitas delas en relación directa coas novas ferramentas da comunicación e da xestión a nivel empresarial: Agroamb, Multisports Galicia, Gimena, SCA Informática, Alenti, Agronovo, Transmedia, Innolact, IT Tecno, Pleiteando, Gestibeca Sport, Siente Galicia, Tenis Manager, Mamut Technology, Menus.es e Norbio Sostenible.

PUBLICIDADE