Empresas dos sectores TIC e audiovisual participan nun workshop dobre o programa DICO Mindset

mércores, 19 de setembro do 2018 Redacción

A directora da AMTEGA, Mar Pereira, e o director de Innovación e Negocio da CRTVG, José Pereira, inauguraron esta mañá na Cidade da Cultura o Workshop de Consultas ao mercado para o desenvolvemento de proxectos innovadores no ámbito dos contidos dixitais interactivos
Ambas entidades están a colaborar para adaptar as emisións do ente público ás novas demandas de consumo, no marco do Plan de acción para o impulso aos contidos dixitais en Galicia, DICO Mindset, iniciativa cun orzamento total de 2.430.000 euros até 2020. A axencia pública autonómica achegará 1.780.000 de euros, cofinanciados nun 80% con Fondos Feder, para facilitar o posicionamento da televisión pública autonómica nos novos hábitos de consumo.
As empresas dos sector TIC e do Audiovisual poderán coñecer durante esta xornada as necesidades e retos dun proxecto que busca pór a Galicia na vangarda do audiovisual a nivel internacional. Con este obxectivo lánzase un procedemento de consultas ao mercado dentro da compra publica innovadora para que as empresas do sector TIC e do sector audiovisual poidan aportar a súas propostas.
A partir das propostas recibidas, a AMTEGA e a CRTVG terán coñecemento suficiente das solucións máis novas e óptimas existentes no mercado para abrir un procedemento de licitación posterior. As propostas poden enviarse a través do formulario web da AMTEGA.
O proxecto busca a posta en marcha dunha plataforma capaz de ofrecer solucións e servizos avanzados que incorporen as últimas tecnoloxías. Entre elas destaca a creación de contidos interactivos innovadores para o ámbito educativo non regrado que se integrarán nunha nova unha canle temática.
Con esta actuación quérese estimular o uso de novas canles e medios, en liña coas novas tendencias de consumo de contidos educativos, que se poidan orientar ao progreso e ás preferencias educativas do alumnado, a partir da aplicación das TIC.
Ademais, para mellorar a experiencia de usuario incorporaranse as segundas pantallas, así como a creación de contidos específicos baseados en realidade aumentada, realidade virtual etc... para ser consumidos nelas.
Por último, para completar o proxecto, está previsto deseñar modelos para a análise de datos, baseados en técnicas de Big Data, que permitan medir e analizar os comportamentos da audiencia co obxectivo de crear canles multimedia personalizadas.

PUBLICIDADE