En 2019 teremos un novo Dead or Alive

venres, 8 de xuño do 2018 Marcus Fernández

Anticipándose á celebración do E3 en Los Ángeles, Koei Tecmo confirmou xa que a primeiros de 2019 lanzarán o xogo Dead or Alive 6 para PlayStation 4, Xbox One e PC, do que estrearon un brutal tráiler no que deixan ver o novo motor gráfico co que correrá o xogo, introducindo uns detalles visuais máis refinados e realistas, incluíndo expresións faciais. Así, os personaxes amosarán a súa furia xesticulando en cada puñazo e patada, suaran tras a realización de combinación de golpes e presentarán feridas tras recibir dano.
Aínda que o apartado visual do xogo estea a cambiar, o núcleo xogable manterase, de xeito que os seareiros da saga sen dúbida daranlle unha oportunidade a esta nova entrega que tamén busca ser accesible a novos xogadores, polo que introducirá un novo sistema de ataques especiais e combos (que simplificarán o lanzamento de potentes ataques sen moita práctica).
Polo momento está confirmada a presenza de personaxes como Kasumi, Hayate, Helena, Jann Lee e Zack, estando prevista a presenza de moitos outros loitadores coñecidos, así como de novos personaxes.
O vindeiro luns darán máis detalles deste título no E3.

No xogo estarán presentes moitos dos personaxes clásicos da franquía

Tráiler de Dead of Alive 6 publicado hoxe

PUBLICIDADE