En Betanzos, entregados os diplomas do curso de novas tecnoloxías organizado pola Aula CeMIT
venres, 5 de xuño do 2026
O pasado 29 de maio tivo lugar o acto de entrega de diplomas do curso de formación en novas tecnoloxías impulsado pola Concellería de Novas Tecnoloxías de Betanzos, a través da Aula CeMIT local. No acto de entrega de diplomas participou o concelleiro delegado de Novas Tecnoloxías, Ricardo Cheda, quen destacou “a importancia de continuar impulsando este tipo de programas formativos dirixidos a todos os colectivos”.
A actividade desenvolveuse en dúas localizacións: na propia Aula CEMIT de Betanzos, con persoas usuarias da asociación APEM, e no local social de Pintor Seijo Rubio, coa participación da Asociación de Pensionistas e Xubilados.
Durante o curso, os e as participantes traballaron contidos fundamentais para o uso cotián das tecnoloxías, como a redacción de documentos, o manexo do teléfono móbil, a realización de buscas en internet, así como aspectos relacionados coa seguridade na rede, as compras en liña e a realización de trámites electrónicos.
Esta iniciativa enmárcase na aposta do Concello por promover accións formativas que contribúan a reducir a fenda dixital, facilitando o acceso ás tecnoloxías e mellorando as competencias dixitais da veciñanza.
O Concello reafirma así o seu “compromiso coa inclusión dixital e coa mellora das capacidades tecnolóxicas da cidadanía”.
