En breve poderemos xogar a un shooter para móbiles de Star Wars

luns, 15 de xaneiro do 2018 Marcus Fernández

Os lanzamentos progresivos son algo moi habitual nos videoxogos móbiles, principalmente para poder axustar os seus servidores e certas mecánicas xogables para conseguir un equilibrio que facilite o seu éxito, aínda que nalgúns casos sorprende que grandes franquías adíen tanto o seu lanzamento global como Star Wars: Rivals, o primeiro shooter de acción competitiva en tempo real de Star Wars para dispositivos móbiles, que veu a luz o pasado mes de xuño, pero que polo momento só está dispoñible en Australia, Nova Zelandia, Canadá, México, Brasil, Arxentína, Perú, Chile, Malaisia e Filipinas.
Por fin parece que o lanzamento global é inminente, de xeito que en Google Play xa é posible rexistrarse para recibir un aviso cando o xogo chegue oficialmente ao noso mercado, para así convidarnos a vivir enfrontamentos entre Luke Skywalker e Darth Vader, Jynn Erso e o director Krennic, Finn e a Capitana Phasma, Salacious Crumb e R2-D2, o almirante Ackbar e Grand Moff Tarkin...
Star Wars: Rivals contará con arenas de xogador contra xogador, nas que haberá que evitar recibir dano empregando estratexicamente o contorno, para logo atacar e destruír aos inimigos, podendo incluso cambiar de heroe durante a batalla, podendo así mudar ao instante o xeito de xogar; poderemos formar equipos de combate con personaxes como Darth Vader, Boba Fett ou Luke Skywalker; poderemos experimentar as rivalidades que naceron na grande pantalla (como Han Solo contra Boba Fett); poderemos empregar armas que resultarán familiares para os seareiros das películas (como a besta de Chewbacca ou a pistola DL-44 de Han Solo), mentres que algúns personaxes terán habilidades de seu (como o uso da Forza por parte de Darth Vader); os escenarios serán os que puidemos ver nas distintas películas da saga; e tamén instarase ao xogar a tomar partido por unha mesma facción e inscribirse en gremios para establecer estratexias de equipo.
O xogo será de balde, pero integrará compras dentro da aplicación, así como publicidade (tanto de empresas da Disney como de terceiros).

Non só a triloxía orixinal estará presente en Star Wars: Rivals, senón que tamén personaxes de Rogue One enfrontaranse neste novo xogo móbil

Vídeo no que podemos ver como será Star Wars: Rivals en acción

PUBLICIDADE