En decembro teremos unha entrega de Thief para realidade virtual

venres, 31 de outubro do 2025 Redacción

A emblemática saga de infiltración Thief renace no mes de Nadal coa súa primeira entrega en realidade virtual. Vertigo Games, en colaboración con Maze Theory e Eidos-Montréal, confirmou o lanzamento mundial de Thief VR: Legacy of Shadow para o 4 de decembro, con reserva anticipada xa dispoñible e un desconto do 10 % en PlayStation VR2, Meta Quest e Steam VR, de xeito que o seu prezo actual queda en 26,99 euros.
A compañía acompañou o anuncio coa publicación dos primeiros vídeos de xogo capturados tanto en Meta Quest como en PS VR2, nos que se aprecia a aposta por unha inmersión total no universo escuro e steampunk da Cidade, un lugar dominado polo tirano barón Ulysses Northcrest.
Nesta nova aventura, o xogador encarna a Magpie (Pega), unha ladroa moldeada polas rúas que busca sobrevivir roubando ata descubrir un artefacto lendario vinculado cun antigo legado. A proposta combina o sixilo clásico da saga con interaccións táctiles realistas: poderase espremer o corpo para agocharse nas sombras, forzar fechaduras coas mans, rebuscar en compartimentos ocultos e empregar frechas e ferramentas para distraer, desactivar ou neutralizar inimigos. Cada misión ofrece múltiples rutas e estilos de xogo, desde evitar seren vistos ata eliminar aos gardas sen facer ruído.
O estudio asegura que Thief VR foi «feito por fans para fans». A presenza da voz de Stephen Russell como o lendario Garrett serve de ponte entre xeracións, nun título que se inspira directamente nas mecánicas de Thief: The Dark Project (1998) e Thief II: The Metal Age (2000).
Con esta nova entrega, a saga que axudou a definir o xénero de sixilo volve nun formato máis inmersivo ca nunca, convidando aos xogadores a moverse entre sombras, sentir o perigo e crear a súa propia historia. 

Adianto en vídeo do xogo de Vertigo Games