En marcha os Premios Dalle Like para recoñecer o talento dixital galego
xoves, 26 de febreiro do 2026
Este luns 23 de febreiro presentouse en Lugo a primeira edición dos Premios Dalle Like, unha iniciativa que busca recoñecer o talento galego no ámbito dixital e das redes sociais. Na presentación do certame, que ten o apoio da Xunta, participaron o delegado territorial da Administración autonómica en Lugo, Javier Arias, e o secretario xeral da Lingua, Valentín García.
A gala de entrega destes galardóns celebrarase o 16 de maio no Círculo das Artes e reunirá a creadores de contido, proxectos dixitais e marcas galegas que destacan pola súa creatividade, impacto e capacidade de conectar coas novas audiencias.
Os representantes autonómicos destacaron a capacidade destes creadores de levar a cultura e a lingua galega ás redes sociais, “visibilizando o enorme talento que hai na nosa comunidade e contribuíndo a que a identidade de Galicia teña presenza e repercusión no mundo dixital”. Destacaron ademais o potencial de iniciativas coma esta para impulsar o uso do galego nos neofalantes.
O obxectivo concreto dos Premios Dalle Like é “dar visibilidade e axudar á profesionalización de aqueles influentes que tentan impulsar a cultura e o idioma”.
Na gala recoñeceranse os Galinflus do Ano. As inscricións están abertas en dallelike@gmail.com. A organización seleccionará os nomeados e as nomeadas e fará unha votación popular na web do certame para elixir as persoas e entidades gañadoras.
Haberá un total de dez categorías.
