En marcha un sistema galego de información xeográfica en 3D para optimizar a explotación de minas

luns, 12 de marzo do 2012 Fernando Sarasketa

A nova metodoloxía, informa a Universidade de Vigo, probouse no batolito da concesión de explotación Benedicta, no Porriño

Os nosos campus seguen a ser unha fonte inesgotábel de recursos para axudar na busca de competitividade e na optimización empresarial do tecido produtivo. É o que se vén chamando transferencia tecnolóxica, algo do que se fala moito na actualidade, máis que nada porque é un sinal de boa saúde económica, e que consiste en ter ben engraxada a maquinaria de colaboración e comunicación entre o que se fai nos laboratorios das universidades e día a día das empresas. Un exemplo disto que nos serve ademais para explicar todo o conxunto é o sistema de información en 3D que vén de abrollar da Universidade de Vigo para optimizar ao máximo ao traballo das explotacións mineiras.
A achega, desenvolvida polo enxeñeiro Eduardo Giráldez, ten potencial de abondo como para facer o máis doado posíbel unha das tarefas de meirande risco económico e complexidade dun xacemento mineiro: o cálculo das reservas de mineral. Este sistema de información xeográfica, que está a ser empregado xa na explotación Benedicta do Porriño, funciona achegando a máxima fiabilidade posíbel dos datos do terreo sobre o que se pretende traballar, solucionando en boa medida as eivas que as análises de tipo tradicional amosaban. Eivas que teñen que ver co reducido tamaño das mostras recollidas, cousa que non facilita o labor dos xeólogos e enxeñeiros, máis ben todo o contrario: “Se sobreestiman a cantidade de material, a empresa pode comezar uns traballos pouco beneficiosos, mentres que se quedan curtos, poden decidir abandonar un proxecto que era rendíbel”, informa a Universidade de Vigo.
A tecnoloxía que pon en xogo o enxeñeiro de Minas Eduardo Giráldez, é un modelo tridimensional composto de celas cúbicas unitarias e baseado en técnicas avanzadas de krigeado que permite facer unha estimación máis realista da calidade comercial do granito que os métodos convencionais. Esta nova metodoloxía probouse xa nun dos xacementos máis importantes en Galicia, no batolito da concesión de explotación Benedicta, en O Porriño.
A partir da aplicación de técnicas xeoestatísticas como o krigeado difuso e o composicional”, engade a Universidade, “Giráldez ideou un modelo en 3D do xacemento no que se tiveron en conta criterios xeolóxicos, comerciais e estatísticos e que permitiu coñecer as porcentaxes nas que se atopan as catro calidades de pedra do Rosa Porriño”. O estudo fixo unha estimación da reserva de máis de 120 millóns de metros cúbicos, dos que o 17,97% correspóndese á calidade 1, case o 16,5% á calidade 2 e o 22,87% á 3, mentres que un 42,75% é da calidade máis baixa. O rendemento total, tendo en conta os materiais máis valorados, é do 34,38%, “un dato razoable para unha explotación que se considera economicamente viable”, informa o enxeñeiro, que xa propuxo ampliar o estudo de datos nun segundo xacemento, o de Mina Serrabal, que está emprazada nos concellos coruñeses de Vedra e Boqueixón.

PUBLICIDADE