En marcha unha web que recupera as historias das nosas grandes mulleres en formato podcast

luns, 26 de decembro do 2022 S. P.

Carmela Silva, presidenta provincial, na presentación da web de Aquí faltan páxinasFacer que doce mulleres galegas extraordinarias recuperen a súa plena voz e a súa plena visibilidade. E facelo ademais botando man das novas tecnoloxías. Este é un dos grandes obxectivos do proxecto Aquí faltan páxinas, iniciativa pioneira que será desenvolvida por vez primeira co formato podcast, que pon en marcha a Deputación xunto a O Cable Inglés para poñer en valor a contribución feminina ao desenvolvemento da humanidade.
Arrinca cunha colección de relatos sonoros que dará a coñecer no 2023 os logros destas mulleres, unha por mes, que se complementarán con 12 faladoiros en 9 concellos da provincia que tiveron relación con elas.
Ao abeiro deste proxecto, desde xaneiro e cada mes, a colección de podcasts porá na web de Aquí faltan páxinas, con ligazón a Spotify, as historias narradas por Marián Fernández de María Soliña, Elisa Patiño, Olimpia Valencia, Maruja Mallo, Concepción Arenal, Antonina Sanjurjo, María Vinyals, Ernestina Otero, Ángeles Alvariño, Isabel Barreto, Carolina Otero e Sofía Novoa, referentes en distintos ámbitos como o deporte, a educación, a investigación ou o activismo. Amais, publicarase unha ruta virtual que amosará os puntos máis importantes da biografía da protagonista do mes.
A presidenta provincial, Carmela Silva destacou na presentación que este proxecto nace con vocación de continuidade e de dar voz “a mulleres imprescindíbeis, a nosa historia esquecida, pero nunca enterrada”.
Aquí faltan páxinas comezará a súa andaina en xaneiro coa figura de María Soliña, (1551-?), acusada de bruxería e símbolo dos abusos contra as mulleres, e dela falará Guillermina Domínguez en Cangas. En febreiro a protagonista será a pioneira da aviación española, a “muller paxaro”, Elisa Patiño, (1890-1919), co faladoiro de Milagros Bará en Sanxenxo. Marzo rescatará a historia da primeira galega en licenciarse en medicina, Olimpia Valencia (1898-1987), coa charla de Ana Fuentes na sede da Deputación de Vigo e abril será a quenda da artista Maruja Mallo (1902-1995), coa intervención de Loli Docampo en Bueu.
Por outra banda, en maio falarase da humanista e activista Concepción Arenal (1820-1893), de quen falará Anna Caballé na cárcere da Lama; mentres que en xuño o podcast estará dedicado a Antonina Sanjurjo, xogadora de hoquei (1910-1939), coa charla protagonizada por Cristina López Villar na sede da Deputación en Vigo. En xullo rescatarase a figura da escritora e feminista María Vinyals (1875-década 40), de quen versará o faladoiro de Isabel Blanco no Castelo de Soutomaior.
A comprometida mestra Ernestina Otero (1890-1956) será protagonista en agosto e dela falará Manuel Puga en Redondela mentres que en setembro tocaralle á oceanógrafa e pioneira da investigación mariña Ángeles Alvariño (1916-2005) cuxa traxectoria enxalzará Ángeles Leira na sede de Vigo. Na recta final do ano, a primeira muller almirante, Isabel Barreto, (1567-1612) protagonizará o podcast de outubro e dela versará o faladoiro de Eloísa Gómez no Pazo Provincial en Pontevedra; mentres que novembro estará dedicado a Carolina Otero (1868-1965), a icona da Belle Époque, coa intervención de Carmen Posadas en Valga. Por último, o programa pecharase en decembro coa compositora e música Sofía Novoa (1902-1987) e a charla de Carmen Losada na sede de Vigo.

PUBLICIDADE