En marzo teremos un novo xogo de Half-Life

venres, 22 de novembro do 2019 Marcus Fernández

Nos últimos anos Valve distanciouse da creación de videoxogos para centrarse na súa plataforma de venda dos mesmos (Steam), pero esta semana deu folgos aos seareiros dunha das súas sagas mellor valoradas, Half-Life, que tras moitos anos sen novas entregas terá por fin un novo xogo oficial, Half-Life: Alyx, situado entre os eventos de Half-Life e Half-Life 2, pero que desta volta será un xogo de realidade virtual.
Este título construído de principio a fin para a realidade virtual quere ser compatible coa maior parte de hardware de VR para PC, de xeito que non tiveron a tentación de presentar o xogo como un título exclusivo para o sistema Valve Index (aínda que si decidiron incluílo como recompensa para todos os que teñan este hardware), e poderá gozarse este título a partires de marzo de 2020 se temos cascos Oculus Rift, HTC Vive ou Windows Mixed Reality.
O xogo coloca ao usuario na pel de Alyx Vance, a última oportunidade de supervivencia da humanidade. Alyx e o seu pai, o doutor Eli Vance, fundaron unha resistencia incipiente, continuando a súa actividade científica clandestina, realizando investigacións críticas e construíndo ferramentas para os poucos humanos valentes dabondo como para desafiar á Alianza que controal o planeta dende o incidente de Black Mesa.
Este novo título de realidade virtual para PC está xa dispoñible en reserva cun desconto do 10% sobre o seu prezo final.

Tráiler de presentación de Half-Life: Alyx

PUBLICIDADE