Entra na recta final o prazo para presentarmos contidos ao certame Enreguéifate

luns, 2 de marzo do 2026 S. P.

Tras unha edición 2025 que foi un éxito de participación e repercusión, e na que foron impartidos máis de cen obradoiros escolares de improvisación oral, o proxecto Enreguéifate convida agora á poboación escolar e á cidadanía de toda Galicia a participar no seu certame de regueifas en vídeo, cuxo prazo de inscrición pecha este mesmo venres 6 de marzo.
O certame e mailo proxecto son impulsados polos servizos de normalización lingüística de Santiago de Compostela, Ames, Arzúa, Carballo, Pontevedra e Teo e teñen como obxectivo “espertar a curiosidade pola improvisación oral en galego, sobre todo entre a mocidade, contribuíndo no proceso á boa saúde da regueifa, unha parte do noso patrimonio oral que experimentou nos últimos anos un grande crecemento en popularidade”.
De aquí ao venres, 6 de marzo, quen o desexe pode participar enviando un ou máis vídeos cunha duración máxima de tres minutos, nos que aparezan cando menos dúas persoas regueifando en galego sobre un tema libre.
A inscrición deberá realizarse a través da web do proxecto, onde se poden consultar as bases completas.
O certame conta con dúas categorías: unha escolar, dirixida ao alumnado dos centros educativos galegos non universitarios, e outra xeral, onde calquera persoa pode participar independentemente da súa idade e condición. Como en edicións anteriores, outorgaranse oito galardóns por cada categoría, que recoñecerán a regueifa máis brava, máis aguda, máis diversa, máis reivindicativa, mellor cantada, mellor falada, máis inclusiva e máis entroideira. A entrega de premios terá lugar na gala do xoves, 16 de abril, que se celebrará no Teatro Principal de Pontevedra e na que, como cada ano, serán convidadas as persoas e as aulas gañadoras do certame.
Baixo o lema Versos doutro universo, esta novena edición do Enreguéifate reforza “o seu carácter expansivo, inclusivo e integrador da regueifa, como o demostra a recente adhesión do concello de Arzúa ao proxecto, nas súas arelas por construír espazos de socialización, expresión e comunidade na nosa lingua para a xente moza”, informan dende as entidades organizadoras.