Entregados os premios da edición de Youtubeir@s máis concorrida

venres, 29 de novembro do 2019 Fernando Sarasketa

Este venres celebrouse en Santiago a gala final da terceira entrega de Youtubeir@s, que veu acompañada dunha chuvia de premios (aos que aspiraban 27 finalistas dos 252 vídeos e canles participantes) ás mellores contribucións ao proceso imparábel e enriquecedor de galeguizar YouTube con vídeos na nosa lingua. Xacobo de Toro, Aquel-e, Aaron Vilariño, MJ Pérez, Blanca e Tinta, Siradella Films, A Rabela e Flow de Toxo repartíronse os galardóns, entregados hoxe no Teatro Principal de Santiago.

Patricia de Lorenzo nun intre da gala

A actriz Patricia de Lorenzo encargouse de conducir a cerimonia, para a que se transformou en Isaura, a súa personaxe na peza teatral Fillas Bravas do Grupo Chévere, mentres que Manu TF ocupouse de poñer a música e Iria Fafián elaborou en directo un gran graffiti para celebrar o final desta terceira edición de Youtubeir@s, organizada polos servizos de Normalización Lingüística dos concellos da Baña, Ames, Carballo, Cedeira, Moaña, O Grove, Ourense, Ribadeo, Pontevedra, Rianxo, Santiago e Teo, das universidades da Coruña, Santiago e Vigo e da Deputación da Coruña.
Participación
Como dixemos, nesta terceira convocatoria rexistráronse un total de 252 inscricións, entre vídeos e canles participantes, o cal se traduce en que en máis de 1.000 minutos creados en galego e incorporados ao de YouTube este último ano. Ademais, constátase un aumento na participación, que pasou das 202 inscricións de 2017, ano en que se celebraron os primeiros premios, ás 252 desta edición, que aspiran a uns galardóns divididos en nove categorías e cunha dotación económica total de 6.500 euros.
Gañadoras e gañadores
Durante a gala os membros do xurado, formado por Tomás Lijó, Nel Vidal, Inés Salvado, Johana Paradelo e Brais Nogueira, deron a coñecer o seu fallo en cada unha das categorías (un total de nove). Así, no apartado de Vídeo-Facermos, o vídeo gañador foi O radón: malos modais para un gas nobre, de Aarón Vilariño, mentres que na categoría de Vídeo-Opinarmos, o galardón recaeu no vídeo Como se forma un cantil. O exemplo de Santa Mariña de Augas Santas (Praia das Catedrais), de Xacobo de Toro Cacharrón. A distinción de Mellor Vídeo-Cantarmos, a gran novidade deste ano, foi para o vídeo O queimaserebros, de Blanca e Tinta. No caso da Mellor Canle, foi merecente do galardón Aquel-e.
O xurado concedeulle o Premio á Creatividade a Cativos na Cociña, de Siradella Films; mentres que o Premio á Eficiencia Comunicativa levouno Rosalía Ft. Rosalía-Malaxente (MJ Cover), de MJ Pérez. O vídeo Os Novos-Quero Fugir, de Aaron Vilariño acadou o Premio á Calidade Técnica e 21 días improvisando, de A Rabela, fíxose co Premio á Calidade Lingüística. Por último o galardón da #propostayoutubeira recoñeceu a Flow de Toxo.
Os galardóns foron entregados por representantes das diferentes institucións organizadoras do Proxecto Youtubeir@s. Dese xeito, subiron ao escenario para facer a entrega José Antonio Cacabelos, alcalde do Grove; María López Álvarez, concelleira de Lingua e Mocidade de Teo; Aldán Santamarina, concelleiro de Normalización Lingüística de Moaña; Mónica González Blanco, concelleira de Educación e Cultura da Baña; Alberto Oubiña, concelleiro de Normalización Lingüística, Xuventude e Novas Tecnoloxías de Pontevedra; Hadriana Ordóñez Otero, concelleira de Benestar Social, Diversidade e Igualdade de Rianxo; Neves Paz, técnica de Cultura de Ribadeo; Escarlata Pampín, concelleira de Mocidade e Normalización Lingüística de Ames; María Muíño, deputada de Igualdade e Normalización Lingüística da Deputación da Coruña, ou Isabel Vaquero Quintela, en representación do vicerreitor de Planificación Estratéxica da Universidade de Santiago.
Os fitos desta edición
A apertura da gala veu da man de Noa Díaz, concelleira de Educación, Mocidade, Igualdade e Política Lingüística do Concello de Santiago, e Roberto Rielo, secretario do xurado. Na súa intervención, ambos fixeron referencia ao incremento da participación e á calidade rexistrada nesta terceira edición dos premios: “Yoububeir@s superou este ano as 250 inscricións e achegou máis de 1.000 minutos de audiovisual en galego, nun crecemento que se sostén edición tras edición”, salientou Noa Díaz, antes de engadir que resulta “unha honra formar parte de proxectos coma este, que xunta moitas mans e moitas institucións en prol dun obxectivo de xustiza: colocar o galego onde lle corresponde e facer del unha lingua plenamente actual e activa nas plataformas da rede ás que cada día máis persoas acoden”.

Aquel-e, un dos gañadores do certame

Pola súa banda, Rielo puxo en valor tanto “a gran cantidade de vídeos recibidos, en crecemento dende a primeira edición”, de igual maneira que “a súa calidade”, que mellora ano tras ano.
Amais, a coordinadora do Proxecto Youtubeir@s, Mónica Fernández Valencia, tivo palabras de agradecemento para a creación de todas as persoas que participaron nesta edición: “A participación vai medrando, porque xa son moitos os minutos que achegamos para o galego na Rede. E toda a creación que imos acumulando tende á permanencia, ao seu xeito, como a palabra viva, así estamos a crear unha biblioteca audiovisual para as xeracións vindeiras”, concluíu.

PUBLICIDADE