Enxendra mostrou ante 30 directivos as vantaxes da plataforma Docuten

mércores, 3 de outubro do 2018 Fernando Sarasketa

O pasado mércores 26 de setembro celebrouse na Coruña un almorzo de traballo sobre que medidas de seguridade son hoxe en día as máis efectivas para os datos que atesoura cada empresa, poñendo o foco en todo o relativo á documentación xerada por e para o seu equipo profesional. A cita (un almorzo de alta dirección baseado na certificación de documentos e comunicacións) foi organizada por Enxendra en colaboración co IFFE Business School, o Bufete Pintos&Salgado e o Grupo Caamaño.
O obxectivo primordial do evento era explicar en profundidade os beneficios que reporta a unha compañía a dixitalización dos procesos na área de recursos humanos con ferramentas como Docuten, a marca internacional de Enxendra que dá nome á que sería a primeira plataforma que agrupa o servizo de facturación electrónica, sinatura dixital e xestión en liña de toda a documentación dunha entidade.
O evento deu comezo ás 10:00 horas con previo almorzo incluído e ante a presenza de máis de 30 directivas e directivos de recursos humanos procedentes de compañías referenciais da nosa terra. A xornada incluíu relatorios a cargo de Víctor Salgado pertencente ao bufete de avogados Pintos&Salgado, Brais Méndez, director executivo (CEO) de Enxendra Technologies e Lorena Suárez, directora de Recursos Humanos do Grupo Caamaño. O condutor do evento foi Manuel Carneiro, director do IFFE Business School.
Segundo informa Enxendra, no evento falouse do uso da sinatura dixital nos departamentos de recursos humanos, facendo un percorrido polas súas vantaxes e posibilidades, e mostráronse os detalles do caso de éxito do Grupo Caamaño, empresa que integrou a ferramenta Docuten cos seus sistemas en conseguiu mellorar non só a eficiencia do seu negocio, senón que tamén acadou importantes aforros de tempo, diñeiro e o cumprimento coa legalidade vixente de envío de contratos e condicións aos seus traballadores.

PUBLICIDADE