España é o segundo país da UE que máis se conecta á Rede sen fíos

mércores, 2 de xullo do 2008 Raquel Noya

A Comisión Europea vén de facer públicos os datos extraídos do seu último Eurobarómetro realizado entre novembro e decembro de 2007 para recadar información acerca do acceso á Rede, telefonía e televisión da poboación dos seus estados membros, e estes indican que España, cun 68 por cento de usuarios, é o segundo país, por detrás de Luxemburgo que máis emprega as conexións sen fíos para acceder a Internet. Esta conclusión foi acadada a partires das entrevistas realizadas por este organismo a máis de 20 mil persoas nos 27 estados que forman parte da UE e, segundo a mesma, “os usuarios españois de Internet sen fíos veñen de superar agora antigas barreiras como a maior inseguridade e a menor velocidade fronte ás conexións tradicionais baseadas en cable”.
Segundo o mesmo estudo, os países da UE que máis empregan conexións a Internet sen fíos son Luxemburgo (75 por cento), España (68 por cento) e Francia (67 por cento), moi por enriba da media europea (46 por cento); mentres que os que menos se benefician desta tecnoloxía son Letonia, Hungría e Lituania (por debaixo do 25 por cento de conexións).