Espinete terá videoxogo para NES

martes, 1 de agosto do 2017 Marcus Fernández

O amor polo videoxogos retro leva a algúns entusiastas a seguir creando xogos para plataformas que poderiamos considerar obsoletas, conservando incluso as mecánicas de xogo da época, e dentro desta corrente destacan The Mojon Twins, que realizan numerosas creacións para ZX Spectrum, Amstrad CPC, Megadrive... ou a primeira Nintendo, consola para a que están a ultimar un novo xogo de plataformas protagonizado por unha das grandes iconas da cultura popular dos tempos da NES: Espinete.
O personaxe de Barrio Sésamo xa fixera acto de presenza no orixinal produto que The Mojon Twins lanzara como agasallo de Reis (Gran Sabiduría, unha homenaxe aos cartucho multixogo que nesta ocasión incluída 31 xogos) e agora contará cun título de seu, no que Espinete terá que percorrer numerosos niveis coa súa correspondente música de fondo que lembrará a moitos xogadores a súa infancia.
Este xogo, inspirado no clásico Rainbow Islands, achegará a súa beta ao público da Gamescom e poderá probarse en España por primeira vez no marco da vindeira edición de RetroZaragoza.

Imaxe do minixogo de Espinete incluído no cartucho 31-en-1 Gran Sabiduría

PUBLICIDADE