Este ano poderiamos ver consolas portátiles coa marca Xbox

luns, 10 de marzo do 2025 Marcus Fernández

Imaxe conceptual publicada por Windows Central

Levamos moitos meses con rumores de que Microsoft podería ter interese en lanzar unha consola portátil da familia Xbox, aproveitando a boa acollida que tivo a Steam Deck, e dende Windows Central informan agora que a compañía de Redmond está a colaborar con fabricantes de ordenadores gaming para que este mesmo ano poidan lanzar consolas portátiles co selo de Xbox.
Estas novas máquinas estarían a desenvolverse baixo o nome clave Keenan, correrían Windows, e integrarían a tenda de aplicacións de Microsoft e poderían gozar do Game Pass para PC, sen pechar a porta a que os usuarios poidan empregar tamén xogos de Steam. Deste xeito, melloraríase a experiencia que actualmente achegan moitos ordenadores consolizados que hai no mercado, xa que Windows 11 adaptaríase ás posibilidades deste tipo de equipos.
Un detalle que parece pesar bastante ao pensar no posible éxito destas máquinas é que a consola Xbox Series S ten unha potencia bastante limitada, polo que os xogos que están adaptados para a mesma poderían funcionar nunha máquina portátil con bastante facilidade. Temos así que algo que algúns vían como unha eiva da plataforma Xbox pode rematar converténdose nunha fortaleza.
Pero esta información non chega soa, senón que Windows Central tamén cometa que a consola que sucedería ás Xbox Series X|S segue en desenvolvemento coa vista posta no ano 2027, o que parece bastante cedo se temos en conta que aínda son poucos os xogos que tiran un proveito real da actual xeración de consolas.